Galicia chega aos 35 graos na véspera dunha fin de semana de valores elevados e treboadas
Este sábado actívase aviso amarelo por treboadas no sur e a montaña de Ourense, en Valdeorras e na montaña de Lugo
Galicia chegou aos 35 °C nunha xornada de venres que serviu de anticipo á situación metereolóxica desta fin de semana, que estará marcado por valores elevados e tormentas en zonas de Ourense e Lugo.
O valor máximo do día alcanzouse na cidade de Ourense (35,1 °C), segundo a información recompilada polas estacións de Meteogalicia. O resto de temperaturas máis elevadas tamén foron rexistradas en municipios desta provincia ou en Lugo. Exemplo diso son Ribas de Sil (34,3 °C), Arnoia (33,9 °C) e Monforte (33,6 °C).
Xa o sábado, as temperaturas non experimentarán cambios significativos, polo que Galicia seguirá baixo unha forte sensación de calor. Esta xornada estará marcada pola inestabilidade atmosférica debido á presenza de aire moi cálido en superficie e de aire frío nas capas altas.
De feito, activaranse avisos de nivel amarelo por "tormentas localmente fortes" no sur e a montaña de Ourense, en Valdeorras e na montaña de Lugo. Os avisos durarán a maior parte da tarde, entre as 15.00 e 21.00 horas.
Calidade do aire
Este venres continuou activo o protocolo activado pola Xunta ante a posible empeoración da calidade do aire. Activouse na tarde do xoves pola previsión da chegada de masas de aire africano que poderían incrementar as concentracións de partículas.
Con datos das 19.00 horas deste venres, unicamente seis estacións de Meteogalicia rexistran valores que non sexan favorables ou bos. Estas son as de Sarria, Lalín, Ponteareas, Xinzo de Limia e Santiago de Compostela, onde son dúas estacións nesta situación. Todas elas dan conta dun aire regular.