Os establecementos empezan a racionar a venda de xeo
Non hai produto e o pouco que hai está o dobre de caro
O xeo que se produce non chega para atender toda a demanda nun verán excepcionalmente cálido en Galicia. Nótano os particulares cando van comprar no supermercado ou á gasolineira, en moitos casos con limitacións, pero sobre todo sofren os profesionais. Na organización de banquetes ou grandes concertos págano ao dobre que o ano pasado, pero é que ademais teñen dificultades para conseguilo.
Álvaro Estévez, responsable de produción de Esemerarte, explica: "Tivemos un problema nun concerto en Arteixo que non dabamos conseguido xeo por ningún lado, menos mal que o provedor noso falara para traer xeo de fóra, que chegou ese mesmo día, pero xente que tiña eventos nesas datas tivo que pagar o dobre".
Na hostalería tamén están preocupados polo que poida suceder este mes de agosto se continúa a calor. Xa advirten que terán que repercutir o encarecemento do xeo no prezo das consumicións. Rubén Pérez, presidente da Asociación de hostalería Zona Náutico de Vigo, reflexiona: "Temos garantido a subministración, que é moi importante, haberá que axustar os prezos de venda".
A orixe do problema está na produción. No inverno, co encarecemento da enerxía non se fabricou nin se almacenou suficiente cantidade para facer fronte a unha demanda en aumento. Lorenzo Calzado é o responsable en Vigo dunha distribuidora de xeo e relata: "Encarecéusenos catro veces máis o prezo de almacenaxe, non se almacenou o suficiente, non se contaba un verán tan bo. Temos mercancía para servir os nosos clientes. Á hostalería cárgaselle o máximo posible".
Nesta distribuidora, por exemplo, están a recibir xeo dende Asturias, Ávila ou Valencia, e recoñecen que o máis difícil é responder as peticións de festivais ou festas.