Táboas entre Porriño e Guardés no primeiro partido dos cuartos de final (25-25)
As de Ana Seabra chegaron a dominar por cinco goles pero notaron o cansazo da eliminatoria europea
Boa reacción das porriñesas que mesmo chegaron a ter a opción de poñerse por diante no marcador no último minuto do partido
A eliminatoria decidirase o sábado na Sangriña
@BmPorrino
Combate nulo entre Porriño e Guardés no primeiro partido da eliminatoria de cuartos de final polo título da liga feminina de balonmán tras empatar a 25 no choque disputado na vila do Louro. O próximo sábado na Sangriña decidirase a eliminatoria e cal será o equipo que se clasifique para as semifinais.
Tras varios minutos de dianteira local, un acerto de María Sancha conseguía poñer ás súas á cabeza por primeira vez en todo o encontro. Ceci Cacheda aproveitábase da seguinte acción para levar ao equipo miñoto ao ecuador desta primeira parte cunha vantaxe dúas (5-7, min. 15). Demostraba agora soltura o visitante grazas a un ataque moi engraxado a sete, aínda que os erros defensivos seguían pesando, e foi grazas aos lanzamentos desde sete metros -dous consecutivos de Viktoria Zsembery-, que o Porriño logrou volver apertar o luminoso (7-8, min. 19). Ana Seabra chamou ao tempo morto, buscando suscitar unha reacción nas súas, e logrouno nos instantes seguintes, cun parcial 1-3 que obrigou a Isma Martínez a imitar á súa homóloga para tratar de reconducir ás anfitrioas (8-11, min. 22). Mantívose a situación varios instantes ata que o Guardés deu o despegamento definitivo: primeiro, de mans dunha Blazka Hauptman que marcaba o seu quinto tanto; despois, dunha África Sempere que non fallara ningún dos seus tres intentos; e para rematar, grazas a unha Carme Castro que encarou a portería rival baleira ela soa. Íase xa aos catro goles a renda miñota, de non ser polo balón atrasado de Caro Bono que era o encargado de pechar a primeira parte (11-14, min. 30).
Continuou a mesma dinámica nos seguintes minutos, co Porriño collendo aire por momentos pero sen chegar a recuperar o liderado no marcador en ningún momento, aínda que apertando máis e máis de cara ao epílogo deste primeiro capítulo da eliminatoria de cuartos. Sumaron sete perdas as de Ana Seabra desde o chifre do medio tempo e como consecuencia o anfitrión chegou a pechar a renda ao mínimo (22-23, min. 53), levado da man dunha Bruna Dias pletórica neste período, quen parecía atopar o camiño cara á portería guardesa sen problemas. Salvou os mobles como puido o equipo miñoto, pero o Porriño chegou a recuperar as táboas (24-24, min. 56) e poñía máis e máis nerviosas aos seus rivais.
O tira e afrouxa continuou e o cadro louriñés empatou de novo a falta de menos de minuto e medio para terminar. A defensa local sabía o que se xogaba e non deixou nin un centímetro ás de Seabra no seu último intento de ataque, quedándose coa oportunidade de pechar o partido con vitoria. Oportunidade que Isma Martínez quería aproveitar, para o que chamou ao tempo morto (25-25, min. 59). Os 34 segundos finais comezaron coa barreira de Cacheda e Sancha causando unha falta en ataque, e era agora Ana Seabra quen movía ficha a reloxo parado para planificar a oportunidade decisiva. Non puido transformar a lalinense o último balón, que se converteu nun golpe franco tirado fóra de tempo por Lorena Téllez, que tamén quedou en nada.