As semifinais volven ser o teito do Conservas Orbe Zendal Porriño
O cadro porriñés quedou eliminado diante do Bera Bera malia lograr un empate de mérito no partido de volta (33-33)
Os catro goles que traía de vantaxe o Bera Bera do Municipal do Porriño resultaron decisivos para a sorte das semifinais do campionato da Liga Guerreras. Malia o gran partido que fixo o equipo de Isma Martínez en Euskadi o empate na volta (33-33) non lle serviu para dar o paso que se lle resistiu nas últimas campañas e volveu quedar ás portas dunha final.
Precisaba unha fazaña o Conservas Orbe Zendal que comezou moi ben o partido (4-6). Porén o Bera Bera reaccionou e chegou ao descanso cun gol de vantaxe (17-16). O Bera Bera mantivo a dianteira no marcador con diferenzas mínimas de un ou dous goles (23-21) ata o treito final no que o Porriño volveu a colocarse por diante abrindo unha porta á esperanza (31-32). Non se produciu a milagre e o empate final mete o Bera Bera na loita polo título.
Carmen Prelchi, con seis goles, foi a xogadora máis atinada do equipo galego. A viguesa do Bera Bera, Elba Álvarez, acabou con oito goles como máxima realizadora do partido.