Jesús López deixa a presidencia do Guardés en plena crise pola saída de Mecalia
Reclama a chegada dunha nova dirección que asuma o liderado do proxecto nesta nova etapa
Foto Guardés
O presidente do Atlético Guardés, Jesús López, presentou a súa dimisión apenas 24 horas despois de que o club anunciase a perda do seu principal patrocinador, a empresa Mecalia, nun movemento que abre unha etapa de incerteza na entidade galega.
Nunha carta dirixida aos socios, López explica que a súa decisión chega “tras unha profunda reflexión” e responde a varias circunstancias que, segundo sinala, fan “inviable” a súa continuidade a cargo do club “coa dedicación e o compromiso que merece”. O xa expresidente do conxunto, recente campión da Copa Europa, apunta ao desgaste acumulado durante uns anos especialmente complexos no plano financeiro, así como á perda do patrocinio principal de Mecalia e á falta de apoios institucionais suficientes para afrontar os retos presentes e futuros.
No seu escrito, Jesús López advirte alén de que a situación económica do club podería agravarse na tempada 2026-27 se non se produce un cambio de rumbo, o que obrigaría a realizar axustes organizativos para facer fronte ás dificultades. O dirixente subliña que a combinación de factores económicos e estruturais foi determinante na súa decisión de abandonar o cargo, e reclama a chegada dunha nova dirección que asuma o liderado do proxecto nesta nova etapa.
Así mesmo, López púxose ao dispor da futura directiva para facilitar unha transición “ordenada e responsable”, co obxectivo de garantir a continuidade institucional do club tras a súa saída.
COMUNICADO | Jesús López dimite como presidente do CB Atlético Guardés
— Club Balonmán Atlético Guardés (@AtleticoGuardes) June 3, 2026
Esta decisión chega por unha serie de circunstancias coma a perda do patrocinio de Mecalia e “a falta de apoios institucionais abondo para afrontar con garantías os retos presentes e futuros da entidade”. pic.twitter.com/Bsfto2in8q