Publicador de contidos

Publicador de contidos

Por que a auga do mar está máis fría no litoral atlántico ca no cantábrico?

Por que a auga do mar está máis fría no litoral atlántico ca no cantábrico?

No litoral atlántico as temperaturas da auga do mar rozan agora os 14 graos e na Mariña poden alcanzar os 22

A auga está máis fría no litoral atlántico
G24.gal 07/08/2025 15:50 Última actualización 07/08/2025 17:29

Nestes meses de calor son moitas as persoas que acostuman ir á praia para aproveitar para refrescarse. Non obstante, hai determinados lugares onde a xente opina que a auga conta cunha temperatura moi baixa.

"Está conxelada. A auga, cada vez que vai calor fóra, está a 14 ou 15 graos e é imposible meterse", comenta unha bañista.

Cando acontece algo deste estilo, que a auga estea con baixas temperaturas e fóra vaia moita calor, cómpre ir con coidado á hora de meterse no mar e facelo pouco a pouco.

"O ideal sería entrar e ir refrescándonos pouco a pouco porque, con estes cambios de temperatura, coa auga moi fría e moita calor fóra, podería darnos un shock térmico. Se imos pouquiño a pouco non hai problema ningún", asegura o socorrista Pablo Carreira.

En Galicia, polo xeral, a auga está máis fría no litoral atlántico, e isto débese a un fenómeno coñecido como afloramento.

"O afloramento prodúcese na fachada atlántica, que é onde esa auga máis cálida superficial é retirada polo vento cara a fóra das rías. A auga máis profunda vai ascendendo e provoca que as temperaturas da auga estean frías. En algúns puntos do litoral chegan a estar aos 14 graos", conta Carlos Otero, meteorólogo de MeteoGalicia.

Por outra parte, na zona da Mariña este fenómeno actúa doutra maneira e o mar alcanza temperaturas moito máis elevadas.

"Temos ese nordés tamén achegando auga máis cálida a todo o Cantábrico da península. En áreas como a Mariña as temperaturas están por enriba dos 20 graos e podemos chegar a temperaturas dos 22", afirma Carlos Otero.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade