Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ascenden a 9 os mortos polo terremoto de Taiwán, que deixa máis de 100 réplicas

Ascenden a 9 os mortos polo terremoto de Taiwán, que deixa máis de 100 réplicas

Un tremor de terra de 7,2 sacudiu a costa leste da illa este mércores

Hai máis de 800 feridos e unha trintena de edificios derrubados

Rebeca, estudante galega en Taiwán: "As réplicas asustan máis ca o primeiro tremor"

Edificio colapsado en Hualien, Taiwán, logo do terremoto de 7,2 graos rexistrado na illa este mércores (Reuters) Edificio colapsado en Hualien, Taiwán, logo do terremoto de 7,2 graos rexistrado na illa este mércores (Reuters)
G24.gal 03/04/2024 08:02 Última actualización 03/04/2024 21:44

Polo menos nove persoas morreron, 821 quedaron feridas, 127 permanecen atrapadas ou varadas e 28 edificios derrubáronse tras o forte terremoto rexistrado este mércores en Taiwán, que xa deixou máis dun centenar de réplicas de diferentes magnitudes, informaron fontes oficiais.

O sismo, cuxa magnitude foi de 7,2 segundo a Axencia Meteorolóxica Central (CWA) de Taiwán e de 7,4 de acordo ao Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos, ocorreu ás 7:58 do mércores (23:58 GMT do martes) no mar, concretamente a 25 quilómetros ao sueste do condado oriental de Hualien.

Catro dos falecidos rexistráronse neste condado: tres deles eran excursionistas que camiñaban polo Parque Nacional Taroko, mentres que o cuarto era un camioneiro que foi golpeado por un alude de rocas ao seu paso pola autoestrada Suhua.

Ata as 16:30 horas, a illa rexistrara 123 réplicas de diversa intensidade, entre elas nove cunha magnitude de entre 5 e 6, segundo a CWA.

Así mesmo, de acordo á eléctrica estatal Taipower, un total de 371.275 fogares quedaron sen luz despois do terremoto, aínda que ao redor do 99 % xa recuperou a subministración eléctrica.

O terremoto e as súas sucesivas réplicas provocaron cuantiosos danos materiais, especialmente na zona de Hualien, onde numerosos edificios e infraestruturas se viron afectados; tamén provocou o peche de varias estradas, o que deixa numerosas persoas e vehículos atrapados.

Ademais, a maior produtora de semicondutores do mundo, a Taiwan Semiconductor Manufacturing Company (TSMC), viuse obrigada a evacuar parte dos empregados das súas instalacións, cuxos sistemas de seguridade "están a funcionar correctamente".

Trátase do peor tremor rexistrado en Taiwán desde o terremoto de 7,6 graos do 21 de setembro de 1999 que provocou a morte de 2.416 persoas.

Preto dun milleiro de persoas están atrapadas na montaña

Preto de mil persoas permanecen atrapadas nas montañas do Parque Nacional Taroko, informou a CNA.

Segundo as estimacións das autoridades do parque, polo menos 654 persoas, entre turistas e empregados, se atopaban en Taroko no momento do sismo e varios centenares accederon posteriormente, polo que a cifra de atrapados ascende a preto do milleiro.

Tras establecer un centro de emerxencias, o parque está a contactar cos equipos de montañismo “un por un”, aínda que non determinou polo momento o número exacto de persoas que chegaron á montaña durante o día, sinalou a axencia estatal de noticias.

O parque permanecerá pechado ata o próximo 7 de abril e os seus responsables pediron os visitantes que eviten as áreas que resultaron danadas polo sismo.

O relato das testemuñas en Taipei

Aínda que non se detectaron grandes danos polo momento, os tremores sentíronse durante polo menos unha hora e media en Taipei, afirmou a EFE a arxentina Brenda Hesse, estudante de chinés na Universidade Nacional de Taiwan (NTU) cunha bolsa do Goberno taiwanés.

“Foi feo, foi rara a sensación de non saber como estaba todo fóra (…). Unha dentro do edificio (da Universidade) non é de todo consciente da magnitude que está a ter a cousa fóra, non sabía se había moitas desfeitas, ata onde estaba todo ben ou todo mal para eu transmitir tranquilidade aos meus achegados na Arxentina”, explicou.

Mauricio Garcete, estudante paraguaio da Universidade Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de Taiwan (NTUST), estaba na súa residencia universitaria de Novo Taipei cando empezou a sentir os primeiros efectos do sismo.

“Este foi o terremoto máis forte que vivín en Taiwán, espertounos a todo o piso. Logo polas noticias decatámonos de que nas cidades do leste houbo moitos danos. Polo momento, todo o grupo de paraguaios co que teño contacto está ben”, sinalou a EFE.

"Era a primeira vez na miña vida que sentía un terremoto de tal magnitude. As paredes cambaleaban, caeron libros e lámpadas, e cando o sismo principal se detivo non tiñamos nin electricidade nin auga no apartamento”, contou a EFE o investigador español Rubén Almendros, quen notou con forza o sismo desde o distrito de Nangang en Taipei.

Posibles réplicas nos próximos días

A presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen pediu á poboación que manteña a calma e extreme as precaucións, debido a que é probable que se produzan novas réplicas de entre 6,5 e 7 graos do terremoto nos próximos días.

A mandataria, que visitou o Centro de Resposta a Emerxencias xunto co primeiro ministro Chen Chien-jen, tras o suceso, indicou que o Executivo deu ordes de proporcionar a asistencia necesaria e traballar cos gobernos locais nos labores de emerxencia.

A Axencia Meteorolóxica do Xapón (AMX), que emitiu e levantou posteriormente unha alerta sobre a chegada dun posible tsunami ao arquipélago de Okinawa (suroeste), tamén advertiu do risco de que se produzan terremotos adicionais nos próximos días. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar