Investigado un gandeiro de Muras por unha vertedura dun millón de litros de xurro no Landro
Afectación ambiental grave en máis de 32 quilómetros do río
Viveiro tivo que suspender a subministración de auga potable durante varios días
EFE/Eliseo Trigo
A Garda Civil investiga o administrador dunha explotación gandeira de Muras por un posible delito contra os recursos naturais debido a unha vertedura dun millón de litros de xurro no río Landro.
O suceso ocorreu en xuño e causou danos moi graves nun treito de máis de 32 quilómetros.
A contaminación provocou unha elevada mortaldade de fauna piscícola e obrigou o Concello de Viveiro a suspender durante varios días a subministración de auga potable, ademais de pechar de forma cautelar varias praias próximas á desembocadura do Landro.
O Seprona da Garda Civil de Lugo, xunto con persoal da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Augas de Galicia, identificou o punto de orixe da vertedura nunha explotación de gando porcino.
A investigación sinala deficiencias na instalación de almacenamento
A Comandancia de Lugo confirmou que a vertedura se produciu pola rotura dunha balsa ou cisterna flexible de xurros, que liberou máis dun millón de litros ao curso fluvial.
Os investigadores constataron que a estrutura carecía das autorizacións sectoriais e urbanísticas requiridas e non dispoñía de medidas de protección que evitasen derramamentos accidentais.
As dilixencias pasaron ao Xulgado de Instrución de Vilalba e á Fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo.