Nova vertedura de augas fecais na zona de Santa Marta, en Cangas
Os veciños din estar fartos dunha situación que se repite dende hai anos
Din que é por unha sobrecarga hidráulica, que a depuradora non dá abasto
Seguen as queixas en Cangas por verteduras ao mar en distintos puntos do litoral. Agora foron os veciños da zona de Santa Marta os que alertaron dun novo caso en plena xornada de Reis. A auga sucia e fedorenta saía polo aliviadoiro do pozo de bombeo da rúa Pragueira, no lugar do Cantón.
24 horas despois continúa vertendo polo antigo aliviadoiro do Cantón. Axentes do Seprona estiveron no lugar tomando mostras, din que hai expedientes abertos por episodios semellantes dende hai 10 anos.
Os veciños din que a depuradora non dá abasto. O que máis os indigna é o cheiro que desprenden as verteduras, malia que é moito peor na época de verán. Piden solucións urxentes e din estar fartos.
Non é un problema de agora, hai expedientes abertos polo Seprona dende hai 10 anos. Tampouco é deste punto en concreto, afecta -din- a todo o litoral de Cangas.
Axentes do Seprona, da Policía Local e persoal de Augas de Galicia estiveron no lugar, nas últimas horas, tomando mostras. Dende a Consellería de Medio Ambiente din que o Concello comunicou que o bombeo funciona e que hai que agardar a que non chova para regular a rede de saneamento e restablecer a normalidade. A Xunta está a facer un seguimento por se houbese que abrir un expediente e mesmo chegar a sancionar a UTE que se encarga da xestión da auga en Cangas.