Múltiples parroquias en Culleredo piden unha solución ás verteduras de augas residuais no río Valiñas
Múltiples parroquias en Culleredo piden unha solución ás verteduras de augas residuais no río Valiñas
Sinalan que se trata dun fenómeno recorrente durante os últimos 5 anos, pois os sumidoiros próximos ao torrente desbórdanse cada vez que chove con forza e os residuos saen á superficie
O sumidoiro situado a carón do río Valiñas, ao seu paso pola parroquia de Sésamo, en Culleredo, adoita desbordarse nos días de moita choiva cando o caudal do río incrementa e bloquea parte da rede de augas fecais.
En consecuencia, os residuos brotan á superficie e esvaran polas estradas próximas para verterse de volta no río na maioría dos casos.
"Ao desbordarse o río, entran as augas de río dentro da tubaxe de fecais e fan un tapón co que fai que, un pouco augas arriba, no primeiro sumidoiro que hai, pois, que saian as augas fecais, vaian pola estrada e, desa estrada, acaben no río" informa un residente do lugar.
Esta circunstancia causa descontento entre os veciños de Sésamo, que frecuentemente teñen que camiñar entre os residuos e soportar o cheiro.
Con todo, o problema non se limita á parroquia, senón que tamén afecta outros núcleos próximos, como Rumbo ou Ledoño. Ademais, o refugallo arrastrado pola corrente vai parar á ría do Burgo, botando por terra, segundo a veciñanza, o traballo de saneamento que se fixo sobre o enclave durante os últimos anos.
"Iso afecta, pois a xente que pasa todos os días, persoas maiores que pasan a andar e, agora mesmo, supoño que empezarían os rapaces, pero, ben, vai moita xente en bicicleta, andando, é están pisando esas augas fecais... Contaminación que pasa por diante das fincas dos veciños, contaminación... pois de cara aos pescadores que queiran pescar algo aí que, ben, supoño que non pescarán nada visto o panorama", afirma un habitante da parroquia.
Arestora, dende Sésamo presentaron múltiples instancias dando parte da situación ás institucións responsables do sistema de sumidoiros. Con todo, non agardan que a solución chegue pronto, pois son moitos os organismos que teñen que acadar unha resolución común.