Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xustiza arquiva a causa pola vertedura do granulado plástico do Toconao

A Xustiza arquiva a causa pola vertedura do granulado plástico do Toconao

G24.gal 20/01/2026 17:35 Última actualización 20/01/2026 17:50

A Xustiza arquivou a causa aberta pola vertedura de  granulado de plástico procedente do cargueiro Toconao, ocorrida en decembro de 2023, ao concluír que non se pode inferir a existencia de ningún ilícito penal.

A maxistrada instrutora acorda o sobresemento definitivo da causa tras considerar que os feitos investigados non superan, no seu caso, o ámbito dunha posible infracción administrativa.

Ecoloxistas en Acción presentara unha denuncia nos xulgados de Noia contra a empresa holandesa propietaria do buque por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.

Tras a práctica das dilixencias de instrución e a análise da documentación achegada, a xuíza conclúe que non existen indicios suficientes para a vía penal.

O auto recolle que un informe da Dirección Xeral da Garda Civil atribúe a perda dos seis colectores a un golpe de mar por babor.

Segundo ese informe, as condicións de mal tempo, xunto cos datos sobre a navegabilidade do buque e a actuación do capitán e da tripulación, explican o accidente.

A instrutora subliña que a empresa operadora cumpriu os protocolos de carga e que non se detectou ningunha irregularidade que provocase a caída dos colectores.

O procedemento incorporou informes do Centro de Coordinación de Vixilancia Marítima de Costas e Fronteiras, do armador, da empresa fretadora, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e das unidades técnicas da Fiscalía de Medio Ambiente e do Seprona.

En relación coa toxicidade, a xuíza destaca que a análise do granulado recollido nas costas afectadas non revela toxicidade nin concentración de substancias perigosas.

Segundo o informe pericial, non se prevé un impacto significativo a medio ou longo prazo máis alá do xa existente polo conxunto de microplásticos presentes no medio mariño.

O estudo do material realizado polo CETIM Technological Centre conclúe tamén que o granulado no constitúe unha substancia nin unha mestura perigosa.

En canto á afectación a espazos protexidos, os informes da Xunta e da Fiscalía Xeral do Estado sinalan que os restos atopados foron escasos.

A resolución indica que non se produciu dano no ecosistema dunar das lagoas de Corrubedo, Carregal e Vixán.

Tampouco se detectaron prexuízos para a biodiversidade nin para o ecosistema do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O auto non é firme e pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade