O Supremo rebaixa a tres anos e medio a condena ao autor da agresión a un xornalista en Pontevedra
O tribunal descarta a aleivosía e recualifica os feitos como homicidio en grao de tentativa
Mantéñense as penas por danos e resistencia á autoridade
O Tribunal Supremo reduciu de cinco anos a tres anos e seis meses de prisión a condena imposta ao home que intentou matar cun coitelo un xornalista na sede de La Voz de Galicia en Pontevedra, despois de estimar parcialmente o seu recurso e cualificar os feitos como homicidio en grao de tentativa.
Na sentenza, fechada o 20 de novembro de 2025, o Supremo descarta a aleivosía pero conclúe que o acusado actuou con intención de matar e aplicou a agravante de abuso de superioridade ao empregar un coitelo de 18 centímetros contra a vítima.
Os feitos ocorreron o 14 de xullo de 2023, cando o acusado entrou na delegación do xornal en Pontevedra, causou danos no mobiliario e atacou un dos xornalistas cun rolo de cociña e un coitelo, provocándolle feridas no tórax, brazos e mans.
Durante a súa detención, tamén forcexou con varios axentes da Policía Nacional.
O Tribunal Supremo mantén as condenas por danos e resistencia á autoridade, así como as medidas de afastamento, a multa e o pagamento da responsabilidade civil ao Sergas. Tamén confirma a eximente incompleta por alteración psíquica.