Un accidente con tres turismos implicados deixa dous feridos en Santiago
Os feitos ocorreron minutos antes das 7:00 horas deste luns na rotonda do quilómetro 337 da N-525
Víronse implicados os bombeiros e os servizos sanitarios
Un accidente múltiple con tres coches implicados deixou a dúas persoas feridas en Santiago de Compostela, sendo unha delas excarcerada ao non poder saír do turismo.
Segundo informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron minutos antes das 7:00 horas deste luns na rotonda de Santa Lucía do quilómetro 337 da N-525, na parroquia do Eixo.
Na súa entrada na glorieta, o turismo chocou con outros dous automóbiles antes de impactar e levar por diante o muro de contención, quedando envorcado dun costado no interior da rotonda.
Foi un particular o que alertou da existencia dun accidente con tres coches implicados, un deles envorcado. Tras o aviso desprazáronse ata o lugar axentes da Garda Civil, os servizos de urxencias sanitarias, a Policía Local de Santiago e o Servizo de Bombeiros da localidade.
Na chamada tamén avisaba de que un condutor era incapaz de saír do vehículo. Así, os bombeiros tiveron que excarcerar ao condutor atrapado, mentres que os servizos sanitarios trasladaron aos dous feridos, un deles en estado grave, ao Hospital Clínico.
Angel Paz Bermúdez recalca as dificultades de liberación debido a que era un vehículo "de alta gama, robusto e con bastante consistencia", o que levou consigo os dous automóbiles restantes.
Tras a intervención dos bombeiros, procedeuse á retirada do vehículo mediante un guindastre e á rehabilitación paulatina do tráfico, que sufriu desvíos e fortes retencións ao producirse o sinistro no punto de acceso á AP-9 dende a nacional 525.
Víronse especialmente afectadas a AC-841, vía de acceso a Santiago dende Teo, e o acceso á autoestrada de Ourense.