Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos quince mortos e ducias de feridos nun choque de trens no nordés da India

Polo menos quince mortos e ducias de feridos nun choque de trens no nordés da India

O sinistro aconteceu nun distrito turístico moi concorrido durante o verán

De momento descoñécense as causas do accidente; o condutor dun dos convois atópase entre os falecidos

G24.gal 17/06/2024 09:38 Última actualización 17/06/2024 11:31

Polo menos quince  persoas morreron e unha vintena quedaron feridas no choque dun tren de pasaxeiros e un tren de mercadorías este luns pouco antes de chegaren a unha estación no nordés da India, informaron fontes oficiais.

O accidente tivo lugar esta mañá, aproximadamente ás 8:50 horas (3:20 GMT) nunha estación do distrito de Daarjeling de Bengala Occidental, un destino turístico moi popular no nordés do país, especialmente durante o verán.

O tren expreso viaxaba desde o estado indio de Assam cara á cidade de Calcuta, no estado de Bengala Occidental, segundo medios locais.

"Ata o de agora recuperáronse os corpos de 15 persoas do interior dos vagóns", entre eles o condutor dun dos trens, dixo a EFE o superintendente adxunto de policía do distrito de Darjeeling, Abhishek Roy.

Preto de 60 persoas foron levadas aos hospitais para recibir atención médica, a maioría deles foron dados de alta. Con todo entre 20 e 25 persoas continúan hospitalizadas, segundo a fonte.

As operacións de rescate seguen en marcha, polo que as autoridades non descartan que haxan persoas atrapadas nalgúns dos vagóns afectados.

O condutor dun dos trens atópase entre os falecidos, "polo que non temos unha maneira precisa de saber exactamente que pasou (...) aparentemente houbo unha omisión dos sinais, pero saberemos máis tras a investigación", explicou.

"O asistente do condutor do tren de mercadorías e o garda do tren de pasaxeiros Kanchenjunga Express morreron no incidente", engadiu.

Imaxes transmitidas polas canles de televisión mostran un dos vagóns en posición vertical, parcialmente no aire, e outros vagóns e contedores de carga esnaquizados ou descarrilados tras o choque. Polo momento descoñécense as causas do accidente.

"O accidente ferroviario en Bengala Occidental é triste. As miñas condolencias a quen perdeu os seus seres queridos. Rezo para que os feridos se recuperen canto antes. Falei cos funcionarios e está feito un balance da situación. Están a realizarse operacións de rescate para axudar aos afectados", asegurou o primeiro ministro indio Narendra Modi nunha mensaxe en X.

O país asiático conta coa cuarta maior rede de ferrocarrís do mundo por lonxitude, e entre abril de 2017 e marzo de 2021 rexistrou 2.017 incidentes, co descarrilamento como a causa máis común, segundo un recente informe do Auditor Xeral (CAG). 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar