Recrúa a escalada bélica con ataques cruzados entre Israel e Irán
Irán disparou 200 mísiles e 200 drons e Israel respondeu con máis de 150 ataques
Hai dous mortos e máis de 60 feridos tras caer un mísil en Tel Aviv e Irán cifra en 78 mortos e máis de 350 feridos as vítimas polos ataques de Israel
O Ministerio de Asuntos Exteriores recomenda non viaxar a Israel nin a Irán
Recrúa a escalada bélica entre Israel e Irán. Esta madrugada Irán lanzou unha cuarta vaga de mísiles contra Israel, que volveron facer saltar as alarmas antiaéreas en varias zonas do país. O escudo de defensa israelí detivo gran parte dos proxectís pero non puido evitar que caera un mísil en Tel Aviv. Hai dous mortos e máis de 60 feridos. Pola súa banda, Irán cifra en 78 mortos e máis de 350 feridos as vítimas polos ataques de Isarel.
Ataques cruzados entre Israel e Irán esta madrugada. O réxime dos aiatolás lanzou catro ondas de mísiles balísticos contra distintas cidades hebreas e varios deses proxectís impactaron en edificios da capital, Tel Avviv, deixando un morto e máis de 60 feridos.
As sirenas soaron boa parte da noite avisando os civís de que debían permanecer nos refuxios mentres as defensas aéreas traballaban para neutralizar as ameazas, coa colaboración dos Estados Unidos. Segundo o exército israelí, a maioría dos mísiles foron interceptados.
De xeito simultáneo, Israel ampliou a súa ofensiva contra Teherán e bombardeou as plantas de enriquecemento de uranio de Fordó e Isfahán, o corazón do seu programa nuclear. Medios locais informan de que tamén se rexistraron explosións no aeroporto.
Cazas israelís atacan mísiles terra-aire en Teherán, anuncia o Exército
Os cazas militares israelís bombardearon "decenas de obxectivos" a madrugada do sábado, incluídos mísiles terra-aire na capital iraniana, confirmou o Exército nun comunicado castrense.
"Estes ataques teñen importancia operativa e nacional. Danamos, e seguiremos danando, sitios estratéxicos e fontes de información inimigas", dixo hoxe o comandante israelí da forza aérea, Tomer Bar, nun comunicado.
"Tras unha xornada intensa na que atacamos centos de obxectivos, incluíndo decenas de obxectivos terra-aire, levamos a cabo unha serie de ataques precisos de importancia operativa e nacional que melloraron a nosa superioridade aérea e a nosa liberdade de acción en Irán", engadiu sobre esta noite.
Pasadas as 8:00 hora local, o Exército israelí asegurou interceptar un número indeterminado de drons iranianos, tras o inicio das alarmas antiaéreas en partes do territorio palestino ocupado de Cisxordania e do Mar Morto.
O representante de Irán ante as Nacións Unidas, Saeed Iravani, situou o número de mortos nos ataques israelís contra o seu país en 78 e o de feridos en 320, no primeiro reconto oficial de vítimas. As autoridades si confirmaran as mortes de altos cargos militares como o comandante en xefe da Garda Revolucionaria de Irán, o xeneral Hossein Salamí, e o xefe da Forza Aeroespacial dese corpo, o xeneral Amir Ali Hajizadeh, entre outros cargos.
En Israel, polo menos tres persoas morreron, tras as vítimas desta madrugada dun home de 45 anos e unha muller de 60 despois de que un foguete impactara preto dun bloque de vivendas en Rishon Lezion, no centro de Israel.
O servizo de emerxencias Magen David Adom, dixo que a muller foi rescatada entre os entullos sen signos vitais; mentres que o home foi evacuado en estado crítico e posteriormente declarado morto.
Outra muller duns 60 anos está gravemente ferida; dúas persoas máis con feridas moderadas; e 16 sufriron feridas leves por traumatismos causados pola explosión e metralla, confirmou emerxencias. En total, máis de dez casas foron destruídas, segundo confirmaron os bombeiros.
Horas antes, outra muller morreu en Ramat Gan, na zona metropolitana de Tel Aviv, por mor dun dos mísiles que Irán lanzou sobre Israel, segundo confirmou a Policía israelí.
Israel e Irán comunican a morte de altos cargos e científicos
Israel di que conseguiu matar a cúpula da Garda Revolucionaria e das Forzas Armadas e un grupo de polo menos seis científicos claves para o programa nuclear iraniano. Paralelamente, causou importantes estragos en instalacións do programa nuclear.
Irán anunciaba este sábado a morte doutros dous altos cargos militares e outros tres científicos nucleares nos ataques israelís.
