Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán lanza 100 drons cara Israel logo do ataque hebreo en que morreu o líder da Garda Revolucionaria

Irán lanza 100 drons cara Israel logo do ataque hebreo en que morreu o líder da Garda Revolucionaria

O portavoz do Exército, Effie Defrin, informou de que no ataque lanzado esta madrugada contra Irán participaron 200 avións de combate, que atacaron máis de 100 puntos do país con 330 municións diferentes

Israel confirma danos severos contra principal planta de enriquecemento nuclear de Irán

Polo menos 70 mortos e máis de 300 feridos en ataques israelís en Irán, segundo medios iranianos

Caída das bolsas europeas e suba dun 7,5 % do petróleo polo conflito Israel-Irán

G24.gal 13/06/2025 08:01 Última actualización 13/06/2025 11:43

O exército israelí anunciou que Irán lanzou máis de cen drons cara a territorio israelí e que todos os sistemas de defensa están a funcionar para eliminar as ameazas. Nunha breve conferencia de prensa virtual, o portavoz do Exército, Effie Defrin, informou de que no ataque lanzado esta madrugada contra Irán participaron 200 avións de combate, que atacaron máis de 100 puntos do país con 330 municións diferentes.

Entre os obxectivos, destacou altos membros do Estado Maior e da cúpula de seguridade do réxime iraniano, como tres dos falecidos nos ataques: o xeneral Mohammad Bagheri, comandante do Estado Maior das Forzas Armadas; o comandante en xefe da Garda Revolucionaria de Irán, o xeneral Hossein Salami, e o xeneral Gholam Ali Rashid, responsable da base aérea Khatam ol-Anbiya.

O portavoz asegurou que xunto a eles outros comandantes morreron, de cuxos nomes dixo que informarían máis adiante. Sobre a esperada resposta de Irán, Defrin dixo que nas últimas horas, Irán lanzou máis de 100 vehículos aéreos non tripulados desde o seu territorio cara ao territorio do Estado de Israel. "Todos os sistemas de defensa están a funcionar para eliminar as ameazas", afirmou para engadir que veñen "horas difíciles".

O Exército israelí confirmou danos significativos na maior planta de enriquecemento de uranio de Irán, na zona de Natanz e situada a uns 220 quilómetros ao sueste de Teherán; ademais de ataques contra outras instalacións similares e reservas de mísiles balítisicos, segundo diversos comunicados.

As Forzas Armadas de Xordania aseguraron este venres que interceptaron "varios mísiles e drons que entraron no espazo aéreo xordano esta mañá", sen especificar se son procedentes de Irán.

Israel anuncia que atacou Irán e declara o estado de emerxencia en todo o país

O Ministerio de Defensa israelí anunciou este venres que lanzou un ataque preventivo contra Irán e que espera un ataque con mísiles e drons contra o Estado de Israel e a súa poboación civil no futuro inmediato.

"Tras o ataque preventivo do Estado de Israel contra Irán, espérase un ataque con mísiles e drons contra o Estado de Israel e a súa poboación civil no futuro inmediato", anuncia o Ministerio nun comunicado. O Ministro israelí de Defensa Israel Katz declarou o estado de emerxencia especial na fronte interna de todo o Estado de Israel.

O exército israelí informou noutro comunicado que a partir das 3 da mañá hora israelí executou cambios para declarar todas as zonas do país de actividade plena a actividade esencial. "As directrices inclúen a prohibición de actividades educativas, reunións e lugares de traballo, excepto nos sectores esenciais", di a nota.

A UE urxe a reducir tensión ante unha situación en Oriente Medio "perigosa"

A alta representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Seguridade, Kaja Kallas, asegurou este venres que a situación en Oriente Medio é "perigosa" tras os ataques entre Israel e Irán, e chamou a todas as partes a reducir a tensión e seguir a vía diplomática.

"A situación en Oriente Medio é perigosa. Insto a todas as partes a que actúen con moderación e eviten unha nova escalada", indicou Kallas nunha mensaxe a través de redes sociais.

Exteriores desaconsella viaxar a Israel e Irán tras o ataque israelí contra territorio iraniano

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación actualizou as súas recomendacións respecto a Israel e Irán e desaconsella viaxar a ambos os países despois do ataque israelí contra distintos obxectivos en territorio iraniano da pasada madrugada.

No que se refire a Israel, a recomendación na web do Ministerio indica que "ante a situación na rexión como consecuencia do ataque israelí a Irán na madrugada do 13 de xuño de 2025, e o peche do espazo aéreo por tempo indeterminado, desaconséllase viaxar a Israel". Dado que se produciron cancelacións de voos, o Ministerio recomenda "encarecidamente" aos españois que se atopen en Israel que contacten coas compañías aéreas ou axencias de viaxe correspondentes antes de desprazarse ao aeroporto de Ben Gurion.

Ademais, aconséllase que "mentres persista a situación actual en Israel, e ante a potencial rápida deterioración", quen se atope no país "incremente as precaucións e siga en todo momento as instrucións das autoridades locais, evitando desprazamentos non esenciais e que permanezan no interior das súas vivendas ou aloxamentos e preto dos refuxios designados na súa zona".

Polo que se refire a Irán, xa estaba desaconsellada a viaxe a este país, pero Exteriores actualizou a súa recomendación tras o ataque israelí para reiterar a súa petición de "non viaxar a Irán baixo ningún concepto" tras o ataque israelí das últimas horas. Segundo precisa, "nestes momentos o espazo aéreo atópase pechado en todo o territorio" e ademais "non se exclúe que a situación poida deteriorarse durante os próximos días".

Neste sentido, aconséllase "permanecer atento ás redes sociais e outros medios de comunicación da Embaixada de España en Teherán". Polo que se refire aos españois que xa se atopan neste país, "desaconséllase absolutamente mesturarse en manifestacións de calquera tipo, así como facer fotos ou vídeos das mesmas, así como de calquera edificio oficial". Así mesmo, advirte de que "nestes momentos, calquera cidadán que tome fotos ou vídeos fóra das zonas turísticas pode resultar sospeitoso" para as autoridades iranianas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade