Vinte mortos, entre eles catro xornalistas, no ataque contra o hospital Nasser de Gaza
Os periodistas asasinados traballaban para medios internacionais
Desde que comezou a ofensiva israelí en outubro de 2023 foron asasinados 244 informadores

Ascende a vinte o número de persoas morreron este luns, entre eles catro xornalistas, no ataque israelí contra o hospital Nasser do sur de Gaza.
O centro recibiu polo menos dous impactos: un deles afectou un grupo de xornalistas desprazados na zona, xa que ese enclave era utilizado polos informadores para facer as súas conexións en directo, xa que ten unha boa vista cara ao leste da localidade de Jan Yunis e a conexión eléctrica e de Internet é boa.
Os xornalistas asasinados traballaban como independentes para distintas axencias de noticias e televisións internacionais, concretamente para Reuters, AP e para as televisións Al Jazeera e NBC.
Trátase de Hossam Al Masri (cámara de Reuters), Mohamed Salama (cámara da Al Jazeera), Mariam Abu Daqqa (informadora de AP) e Moaz Abu Taha (reporteiro de NBC). As axencias de noticias Associated Press (AP), Reuters e a televisión qatarí Al Jazeera confirmaron o falecemento destes traballadores ou colaboradores. De momento a NBC non se pronunciou sobre o sucedido.
AP amosou nun comunicado a súa consternación e tristeza polo falecemento de Mariam Dagga, que habitualmente facía as coberturas desde este hospital gazatí.
244 xornalistas asasinados en case dous anos de ofensiva
A ofensiva israelí na Franxa Gaza converteuse desde o seu inicio en outubro de 2023 nunha das guerras máis mortíferas desde hai décadas para os xornalistas, segundo o Comité para a Protección dos Xornalistas.
Segundo o Goberno gazatí, xa son 244 os xornalistas asasinados en Gaza desde o inicio da ofensiva, un territorio cuxa información depende unicamente dos reporteiros locais, xa que Israel non deixa entrar a prensa estranxeira.
O Comité para a Protección dos Xornalistas sitúa o número de reporteiros mortos en 192.
O pasado mes de maio, Reporteiros sen Fronteiras pediu á Corte Penal Internacional que os xornalistas palestinos poidan comparecer como vítimas, e non só como testemuñas, na súa investigación para determinar se Israel cometeu crimes de guerra durante a súa ofensiva contra a Franxa de Gaza.
Dous impactos aéreos con drons contra o único hospital público que funciona en Gaza
O ataque israelí deste luns que lle custou a vida a vinte persoas, entre eles catro xornalistas, consistiu en dous impactos aéreos mediante drons. No primeiro morreu o cámara de Reuters, que se encontraba nunha escaleira traballando.
Tras o impacto, colegas xornalistas e tamén rescatistas acudiron atendelo. Foi entón cando recibiron o segundo impacto.
"O primeiro ataque tivo como obxectivo o cuarto piso do Complexo Médico Nasser, seguido dun segundo ataque á chegada das ambulancias para rescatar aos feridos e mortos", informou o Ministerio de Sanidade gazatí nun comunicado.
Segundo transcendeu, ademais dos xornalistas, entre as vítimas figuran un estudante de sexto ano de Medicina, o empregado de seguridade do complexo médico e un bombeiro que participaba nos labores de rescate.
"A cifra inicial de mortos chegou aos 20 mártires entre persoal médico, pacientes, xornalistas e membros da defensa civil, ademais de decenas de feridos", aseguran desde o ministerio de Sanidade.
Nun comunicado condenan o "horrible crime" e sinalan que "o bombardeo causou pánico e caos, interrompeu operacións no quirófano e privou os pacientes e os feridos do seu dereito para ser tratados".
Segundo o departamento de sanidade gazatí, o Nasser é neste momento "o único hospital público en funcionamento no sur da Franxa de Gaza".