Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polo menos 70 mortos e máis de 300 feridos en ataques israelís en Irán, segundo medios iranianos

Polo menos 70 mortos e máis de 300 feridos en ataques israelís en Irán, segundo medios iranianos

Rexistráronse de madrugada un centenar de bombardeos

Esta tarde realizáronse ataques polo menos en catro puntos do país

O presidente iraniano advirte: "A lexítima e poderosa resposta de Irán fará que o inimigo se arrepinta da súa insensata acción"

Majid Asgaripour/WANA/REUTERS Majid Asgaripour/WANA/REUTERS
G24.gal 13/06/2025 15:16

Unhas 70 persoas morreron e máis 300 quedaron feridas en Irán nos ataques de Israel, segundo datos proporcionados por medios iranianos que non foron confirmados polas autoridades.

A axencia Fars, vinculada coa Garda Revolucionaria iraniana, informou do número de mortos e feridos, sen citar fontes.

As autoridades iranianas só confirmaron a morte de altos cargos militares como o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, o xeneral Mohamad Hosein Baqerí; o comandante en xefe da Garda Revolucionaria, o xeneral Hossein Salamí, e o xefe da Forza Aeroespacial da Garda Revolucionaria, o xeneral Amir Ali Hajizadeh.

A eles sumouse o xeneral Gholam Ali Rashid, responsable da importante base aérea Khatam-al Anbiya, e seis científicos nucleares, nos ataques sen precedentes contra Irán.

Os bombardeos contra un centenar de obxectivos en chan iraniano producíronse na madrugada e esta mesma tarde reactiváronse os bombardeos en polo menos catro puntos do país.

Entre os obxectivos atópase a principal planta de enriquecemento de uranio iraniano, Natanz, segundo confirmou o Organismo Internacional de Enerxía Atómica. Ao mesmo tempo, as forzas israelís atacaron numerosas zonas residenciais en Teherán.

O líder supremo de Irán, Ali Jameneí, condenou os ataques e prometeu vinganza.

“Con este crime, o réxime sionista preparouse un destino amargo e doloroso, e sen dúbida recibirao”, dixo Jameneí nun comunicado publicado na súa páxina web.

Pola súa banda, o presidente de Irán, Masud Pezeshkian, prometeu unha “poderosa resposta” a Israel.

”A nación iraniana e as autoridades do país non permanecerán en silencio ante este crime, e a lexítima e poderosa resposta da República Islámica de Irán fará que o inimigo se arrepinta da súa insensata acción”, dixo Pezeshkian nun discurso televisado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade