Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago presentará un recurso para lograr a declaración de zona tensionada

Santiago presentará un recurso para lograr a declaración de zona tensionada

O Concello defende que cumpre cos requisitos e acusa a Xunta de arquivar indebidamente a petición

A Administración autonómica insiste en que se debe entregar unha nova memoria con datos oficiais

G24.gal 01/09/2025 19:25

O Concello de Santiago presentará nos vindeiros días un recurso de reposición ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para reclamar a súa declaración como zona de mercado residencial tensionado.

O executivo local entende que cumpre cos requisitos e que a decisión da Xunta de arquivar o proceso non se axusta á tramitación correcta.

Tras unha reunión técnica entre as dúas institucións, o Goberno municipal reiterou que o IGVS recoñeceu a validez do diagnóstico achegado polo Concello, no que se demostra que se dan as condicións para obter a declaración.

Con todo, aceptará introducir algunhas modificacións pedidas pola Xunta, como a eliminación de datos non oficiais e a inclusión de información sobre antigüidade e estado do parque inmobiliario ou número de transaccións.

O executivo local adaptará a memoria xustificativa e o plan de medidas correctoras para superar os reparos da Administración autonómica, aínda que considera que eses requisitos non son legalmente esixibles.

Tamén concretará máis o alcance dalgunhas das medidas propostas. O Concello critica que no expediente da Xunta non figuren informes técnicos nin xurídicos e atribúe a decisión ao criterio persoal do director xeral do IGVS, Heriberto Porto.

A Xunta esíxelle ao Concello unha nova memoria

Pola súa parte, a Consellería de Vivenda sostén que na reunión non se validou o diagnóstico do Concello e insiste en que este debe presentar unha nova memoria baseada en datos oficiais, ademais dun plan de actuación sometido a información pública. Lembra tamén que xa propuxo celebrar a reunión antes de dar por desistida a solicitude, o que —afirma— facilitaría o proceso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade