Dous detidos por polo menos 60 estafas en alugueiros vacacionais en toda España
En total esclarecéronse máis de 60 estafas en toda a xeografía española
A Garda Civil detivo dúas persoas polos delitos de estafa continuada, falsificación de documento mercantil, usurpación de estado civil e ameazas por publicar anuncios falsos de vivendas vacacionais e quedar cos depósitos de reserva dos clientes.
A denominada operación Rental Scam comezou a primeiros de setembro, tras terse coñecemento de diferentes estafas cometidas en Huelva relacionadas con alugueiros vacacionais.
Os axentes investigaron que dúas persoas, veciñas de Valverde del Camino (Huelva), poderían estar relacionadas coas estafas. Segundo as súas pescudas, recollían información de plataformas de alugueiros vacacionais e publicaban anuncios falsos ou ben se ofrecían para alugar vivenda cando alguén declaraba que buscaba alugueiro, para despois apropiarse das cantidades de diñeiro solicitadas aos prexudicados como fianza para a reserva dos aloxamentos.
Ademais, estas persoas para evitar seren relacionadas coas estafas cometidas, contrataban liñas de teléfono alleas con operadoras de telefonía mediante o uso de identidades de terceiras persoas, que obtiñan supostamente con ocasión de realizarlles a declaración da renda. Así mesmo, incautáronse de diversas tarxetas SIM a nome de terceiros, recibidas mediante paquetería comercial nun establecemento hostaleiro da mesma poboación.
Por outra banda, constaban numerosos feitos similares cometidos por toda a xeografía española que tiñan como supostos autores estes veciños de Valverde del Camino, polo que no cuartel desta localidade recibiron múltiples solicitudes de colaboración de Unidades da Garda Civil de toda España.
A alarma social xerada, ante o reiterado comportamento, levou os afectados a publicaren avisos en redes sociais para alertar sobre a actividade ilícita destas persoas.