Publicador de contidos

Publicador de contidos

Gobernos central e vasco pechan 5 traspasos, entre eles, as prestacións do paro

Gobernos central e vasco pechan 5 traspasos, entre eles, as prestacións do paro

As cinco transferencias que asumirá Euskadi a partir do 29 de decembro son as prestacións de desemprego, as non contributivas da Seguridade Social, Salvamento Marítimo, Seguro Escolar e Centro de Verificación de Maquinaria de Barakaldo (Biscaia)

O total de beneficiarios en Euskadi polas prestacións por desemprego ascendeu o ano pasado a 51.000 persoas, o que suporá que a Administración vasca pase a xestionar un importe anual duns 822 millóns de euros

Imaxe de arquivo de Imanol Pradales, lehendakari do Goberno vasco, e Pedro Sánchez, presidente do Goberno central, para ilustrar a noticia Imaxe de arquivo de Imanol Pradales, lehendakari do Goberno vasco, e Pedro Sánchez, presidente do Goberno central, para ilustrar a noticia
G24.gal 16/12/2025 12:55

Os gobernos central e vasco pecharán o 29 de decembro o traspaso a Euskadi de cinco competencias, entre elas as prestacións de desemprego.

Ese día celebrarase en Madrid a Comisión Mixta de Transferencias para materializar os acordos ao que ambos os gobernos chegaron o pasado mes de setembro, anunciou este martes a portavoz do Executivo vasco, María Ubarretxena, ao termo do Consello de Goberno.

As cinco transferencias que asumirá Euskadi son as prestacións de desemprego, as non contributivas da Seguridade Social, Salvamento Marítimo, Seguro Escolar e Centro de Verificación de Maquinaria de Barakaldo (Biscaia).

Á parte destas materias quedan pendentes outras dez transferencias recollidas no Estatuto de Gernika aprobado en 1979 que o Goberno Vasco quere acordar tamén antes de fin de ano, aínda que as negociacións seguen entre ambos os gobernos, explicou a portavoz, que apelou á "discreción" e non ofreceu detalles do estado das mesmas.

Ubarretxena non concretou os detalles das transferencias que se pecharán o día 29 na Comisión Mixta, aínda que xa transcenderan os acordos aos que chegaron ambos os gobernos ao longo dos últimos meses.

Euskadi xestionará 822 millóns de prestacións de desemprego

O total de beneficiarios en Euskadi polas prestacións por desemprego ascendeu o ano pasado a 51.000 persoas: 20.000 percibiron o subsidio por desemprego e 31.000 as prestacións por desemprego. Isto supoñerá que a administración vasca pase a xestionar un importe anual duns 822 millóns de euros.

A transferencia incluiría, segundo o explicado o pasado mes de setembro, o traspaso das 30 oficinas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) que hai na comunidade autónoma -12 en Gipuzkoa, 15 en Biscaia e 3 en Áraba-, así como dos 534 traballadores, que serían asumidos polo Goberno Vasco.

Segundo o Goberno Vasco, este traspaso respecta a caixa única do sistema de Seguridade Social. As institucións autonómicas xestionarán o diñeiro das prestacións do paro, aínda que o Estado manterá a capacidade normativa. Isto significa que o Goberno Vasco non poderá cambiar por exemplo os importes das prestacións.

Axudas por nacemento

Outra desas cinco transferencias é a das prestacións non contributivas da Seguridade Social ás familias. Euskadi recoñecerá, xestionará e abonará estas axudas asistenciais, mentres que o Estado reterá a capacidade normativa sobre as mesmas.

Trátase das axudas económicas por fillo ou menor acollido cando sexan menores de 18 anos con discapacidade igual ou superior ao 33 % ou maiores desa idade con discapacidade igual ou superior ao 65 %.

Tamén inclúe as prestacións por nacemento ou adopción a familias en situacións especiais.

Euskadi asumirá tamén a recadación e xestión da cota do seguro escolar, que brinda protección aos estudantes menores de 28 anos que cursan estudos oficiais. Cobre tanto accidentes escolares como enfermidades e situacións familiares adversas.

Máis competencias en Salvamento Marítimo

En Salvamento Marítimo Euskadi encargarase da planificación e prestación dos servizos de procura, rescate e salvamento nas augas interiores e territoriais do litoral vasco e xestionará as taxas por salvamento e a potestade sancionadora.

O ultimo dos traspasos corresponde ás instalacións que albergan o Centro Nacional de Verificación de Maquinaria dependente do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) de Barakaldo, referente en España en analizar a exposición a axentes químicos e físicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade