A Cañiza di adeus ao Ñ, será A Caniza, e once concellos máis mudan de nome
O Consello da Xunta aprobou a modificación do Nomenclátor de Galicia, que tamén actualiza a denominación de 2.335 lugares e 182 parroquias
O Consello da Xunta aprobou este luns a modificación do Nomenclátor de Galicia que levará consigo a modificación de 2.530 denominacións, logo de analizar 4.398 topónimos.
Os cambios máis destacados neste acordo para a normalización da toponimia galega son os que teñen que ver cos nomes dos concellos.
O concello pontevedrés da Cañiza pasa a ser A Caniza. O municipio ourensán nomeado como Riós pasa a se chamar O Riós; o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, e o mesmo acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, mentres que Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo e xa non será A Pastoriza.
Amais, o concello lucense de Alfoz pasa a ser Alfoz do Castrodouro, o pontevedrés de Cangas será Cangas de Morrazo, e Cerdedo-Cotobade, Oza-Cesuras e Mondariz-Balneario perden o guión para ser Cerdedo Cotobade, Oza Cesuras e Mondariz Balneario.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca a necesidade de renovar este Nomenclátor que data de 2003 e sinala que estes cambios de nome fanse tras un "amplo" estudo da RAG e "consensuados" cos municipios.
Das 1.655 incorporacións, algunhas son de novas entidades de poboación, aínda que a maioría, máis de 1.100, son nomes de aldeas e lugares que nin sequera o INE recollía, debido o seu pequeno tamaño e a ter poucos habitantes.
Ademais nesta actualización do Nomenclátor hai uns 300 nomes que se eliminan, tras constatarse que non se trataba de lugares como tal, senón que son rúas ou denominacións de terras.
A anterior edición do Nomenclátor era do ano 2003. Agora, coas novas incorporacións, conta cun total de 42.909 rexistros.