Nueva Pescanova volve a beneficios e logra 1,1 millóns tras aumentar as súas vendas un 7,3 %
O beneficio bruto de explotación experimentou unha subida do 56,5 %, ata 71,2 millóns de euros, sempre comparando con período equivalente do ano anterior
Para a compañía, estes resultados "exceden os obxectivos marcados e pechan con éxito a etapa de recuperación", polo que se inicia en 2026 un novo período de desenvolvemento e investimento
Grupo Nueva Pescanova obtivo un resultado neto positivo de 1,1 millóns de euros no ano 2025, o que supón a volta a beneficios despois de varios exercicios continuados de perdas, segundo informa a compañía nun comunicado. En concreto, a firma viguesa perdera 37,9 millóns de euros no exercicio previo, correspondente a nove meses (de abril a decembro de 2024 polo cambio de período contable para facelo coincidir co ano natural).
No comparativo a doce meses do ano 2024, as perdas serían de 91 millóns de euros. Así, en 2025 as vendas de Nueva Pescanova subiron un 7,3 %, ata os 1.053,6 millóns de euros, fronte aos 982 millóns rexistrados nos doce meses equivalentes do ano 2024. Deste xeito, o beneficio bruto de explotación experimentou unha subida do 56,5 %, ata 71,2 millóns de euros, sempre comparando con período equivalente do ano anterior.
"As principais magnitudes da compañía crecen, o que confirma que non só se cumpriron os obxectivos do plan de recuperación, senón que se superaron", reivindicou a empresa.
"Esta mellora débese principalmente ao crecemento das vendas e ás medidas de eficiencia implementadas nos dous últimos anos para conter gastos e maximizar a rendibilidade. Entre elas destacan a renovación da estratexia comercial, centrada nas operacións de maior valor, o aumento da produtividade en acuicultura, a optimización de procesos e a transformación organizativa. Todo iso, levado a cabo grazas ao compromiso e esforzo de todas as persoas da organización, foi clave para lograr unha mellora da eficiencia operativa e, por tanto, un incremento significativo das marxes", apuntou Nueva Pescanova.
Para a compañía, estes resultados "exceden os obxectivos marcados e pechan con éxito a etapa de recuperación", polo que se inicia en 2026 un novo período de desenvolvemento e investimento "que se apontoará coa optimización da estrutura financeira, en que se está traballando actualmente".
"En 2025 Pescanova volveu consolidarse como marca líder do sector. Situouse dentro do 'top 10' do Brand Footprint España 2025 de Kantar e mantívose estable no repertorio habitual do consumidor, mesmo nunha contorna máis fragmentada e moi sensible ao prezo", engadiu a empresa.
No ámbito da sustentabilidade, a compañía posicionouse como a primeira empresa pesqueira a nivel global recoñecida no Ocean Benchmark da organización sen ánimo de lucro World Benchmarking Alliance (WBA), que destaca a contribución á xestión sostible dos océanos e ecosistemas costeiros, subliña.