Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desaloxadas en Vigo 23 persoas sen fogar que durmían na nave de Pescanova en Beiramar

Desaloxadas en Vigo 23 persoas sen fogar que durmían na nave de Pescanova en Beiramar

As instalacións serán tapiadas por seguridade xa que están nun estado ruinoso

O desaloxo realizouse con normalidade 

Imaxe do desaloxo da nave de Pescanova en Beiramar, Vigo Imaxe do desaloxo da nave de Pescanova en Beiramar, Vigo
G24.gal 13/04/2026 18:37

Axentes da Policía Local de Vigo, xunto con efectivos da Policía Nacional, desaloxaron este luns da nave de Pescanova en Beiramar, unha vintena de persoas sen fogar, dando cumprimento así a un auto xudicial. 

Nas instalacións, que levan anos sen ningún tipo de actividade, dormen a diario persoas en risco de exclusión. 

O Concello de Vigo, ante a falta de salubridade e seguridade, requeriu aos propietarios en numerosas ocasións para que tomasen medidas, pero nunca as levaron a cabo.

O Concello ofreceu aos afectados durmir no albergue

No desaloxo deste luns, que se levou sen incidencias, foron evacuadas das instalacións 23 persoas. Ata o punto desprazouse persoal dos Servizos Sociais do Concello para ofrecer aos afectados servizos de hixiene, comedor, albergue e tamén citas para derivalos aos recursos adecuados, segundo explicaron fontes municipais.

Ante a pasividade dos propietarios, o Concello acabou acudindo en febreiro pasado aos xulgados, para que, de forma subsidiaria, actuase no inmoble.

Nun auto do 26 de marzo pasado, o tribunal de instancia de Vigo, sección do Contencioso Administrativo praza 2, autorizou a execución forzosa da resolución na que se ordenaba aos propietarios adoptar medidas de protección e tapiado de ocos.

Mal estado da edificación, segundo informes municipais 

O xulgado considera que se dan os requisitos para permitir a entrada e desaloxo da nave, que constitúe "morada dunha pluralidade indeterminada de persoas que residen nel de modo supostamente irregular" e que "se atopa nun estado precario de conservación".

"En particular os informes técnicos municipais poñen o acento no mal estado da edificación, ruinoso, con perigo de desprendemento de cornixas e fachadas", expón o auto.

Ao respecto, apunta que "resulta indispensable por esta orde o desaloxo total do inmoble, e posteriormente, o tapiado dos seus accesos, posto que o seu simple precinto se adiviña insuficiente para conseguir o propósito último desexado que é preservar a integridade, a vida das persoas".

Numerosas incidencias, incluso foi atopado un cadáver en novembro 

Igualmente, incide en que os informes policiais que se acompañan "poñen de manifesto as numerosas incidencias que xeran os frecuentes conatos de incendio que tiveron lugar no edificio, as pelexas, incluso a aparición dun cadáver"; en referencia ao achado dun home falecido o pasado novembro, tras precipitarse desde unha altura no interior das instalacións.

Tras desaloxar as persoas que se atopaban na nave, a Policía Local quedou custodiando a zona para evitar riscos e á espera de que se leven a cabo os traballos de tapiado da nave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade