Unha aldea de Avión contén a maior concentración orixinal de canastros de Europa
Dos 40 hórreos documentados na eira grande de Barroso, quedan 29, o que supón o maior conxunto de hórreos que permanecen na súa ubicación orixinal
Os 34 do concello da Merca foron reagrupados no campo da feira por mor das obras de reurbanización levadas a cabo nunha rúa
A Asociación Cultural Vive Avión desenvolve un proxecto para poñer en valor o rico e variado patrimonio etnográfico e paisaxístico do concello
A carón da aira grande de Barroso amoréanse 29 fermosos canastros. A rentes do chan locen rexos e ergueitos sobre as laxes da parte alta da aldea.
Dende o aire apreciamos mellor a dimensión do conxunto. Os ocos que son os que deixaron os once canastros que foron vendidos polos seus donos. Agora adornan os xardíns de chalés nas Rías Baixas.
Os 40 hórreos de Barroso constitúen, segundo o estudo levado a cabo polo investigador local Antonio Doval Adán a maior concentración de hórreos que permanecen na súa ubicación orixinal documentada en Europa.
Outro conxunto de hórreos numeroso é a da Merca, con 34 unidades situadas no Campo da Feira. Porén, neste caso, os piornos foron reubicados neste novo emprazamento, por mor das obras de urbanización que se acometeron no municipio.
Hórreo, canastro, cabaceiro, espiqueiro, piorno e un longo etcétera son algúns dos múltiples nomes que recibe este tipo de construción, cuxa función basicamente é agrícola, para gardar a colleita, millo e centeo, principalmente.
Rematados en granito, lousa ou madeira a base é, na meirande parte dos casos, de pedra. Nela, o chamado tornarratos é un dos elementos máis singulares destas construcións, para evitar que os roedores accedan ao cereal.
Nalgún consérvase a data de construción, a mediados do século XIX. A maioría está agora en desuso. A emigración masiva que viviu esta zona ao longo do século pasado e o progresivo abandono do campo, deixaron sen a súa función estas edificacións típicas do rural galego.
Os canastros son só un exemplo do variado e rico patrimonio arquitectónico e etnográfico co que conta este municipio ourensán chantado na aba da serra do Suído, ao pé do río Avia. A Asociación Cultural Vive Avión desenvolve o proxecto Avión dende o aire, para poñer en valor eses tesouros, moitas veces descoñecidos.
Un argumento máis para visitar un concello que chegou a contar con seis mil habitantes, aínda que agora sexa máis coñecido pola emigración a México. Os canastros quedaron aquí, como testemuñas da memoria dun pobo que soubo sobrevivir cos recursos da súa propia terra.