Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os conselleiros de Medio Rural e Presidencia desprázanse ata o incendio activo na Cañiza

Os conselleiros de Medio Rural e Presidencia desprázanse ata o incendio activo na Cañiza

O 112 emitiu unha alerta para dar instrucións de seguridade a todos os veciños da contorna

G24.gal 30/07/2025 08:20 Última actualización 30/07/2025 22:47

Protección Civil activou unha alerta para o confinamento por incendio forestal para os veciños do Castro, O Chan do Val, A Portela, Portaleiras, Castiñeiro Longo, Barreiros e A Castiñeira. 

O 112 pídelle aos habitantes da zona que queden no interior das súas casas, que pechen portas e xanelas, que coloquen panos ou toallas molladas nas xuntas das ventás para evitar a entrada de fume e que apaguen os sistemas de ventilación.

Os veciños non deben abandonar as casas ata novo aviso e se están no exterior, deben afastarse dos lugares afectados. 

O 112 recomenda informarse a través dos medios oficiais para as actualizacións, manter a calma e seguir as indicacións das autoridades.

Os labores de extinción seguen sendo complicadas. A meteoroloxía na provincia de Pontevedra está a dificultar o control do lume, con fortes ventos do norte, altas temperaturas e unha prolongada sequía. A zona afectada, con alta densidade de poboación, engade complexidade ao operativo.

"Traballan sobre o terreo nove motobombas e dezanove brigadas terrestres, mentres que os medios aéreos tiveron que retirarse por precaución debido ás condicións adversas", explica Carlos Sanmiguel, axente da Udex.

A pesar da dificultade, deste operativo indican que a situación deixou de empeorar e que xa se lograron algúns avances no control do perímetro. 

Ademais, solicitouse a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que se incorporará para reforzar as tarefas de control e protección.

Os veciños de Valeixe, xa foron desaloxados das súas vivendas a causa do incendio.

O lume comezou este mércores e xa arrasou 200 hectáreas. A Consellería do Medio Rural elevou a estimación de superficie queimada no seu último parte, no que reitera que a ‘Situación 2’ se mantén como medida preventiva pola proximidade das lapas a núcleos habitados. Inicialmente activouse pola afectación en Nogueiró.

O incendio —que case ao mesmo tempo coincidiu con outro na mesma localidade— iniciouse ás 16.23 horas deste mércores. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 5 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 4 palas, 4 técnicos, 4 unidades técnicas de apoio, 3 avións e 8 helicópteros. Ante a situación, a Xunta solicitou a incorporación de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) ás tarefas de extinción.

O alcalde da localidade, Luis Piña, confirmou en declaracións que foron desaloxados veciños de Valeixe. Aínda que non puido precisar o número, sinalou que se trata dunha zona bastante habitada.

“A situación é moi complicada, é un incendio difícil. Hai conatos de lume que saltan e o incendio estendeuse”, explicou o rexedor.

Incendio en Meaño

O incendio de Arbo segue activo e o tráfico ferroviario parado, pero desactívase o nivel 2 de alerta

Permanece activo o incendio forestal no municipio pontevedrés de Arbo, que se iniciaba ás 18.23 horas da pasada xornada e polo que foi necesario decretar a situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación. Unha situación operativa de emerxencia que, tal e como explicou a Xunta, foi desactivada ás 23.55 horas.

O Adif informou de que se atopa interrompida a circulación ferroviaria entre As Neves e Arbo, do traxecto Ourense-Vigo, por un incendio próximo á vía.

Pasadas as dez e media deste mércores, os bombeiros comezaron a arrefriar as vías, despois de que lograsen sufocar o lume nas zonas próximas, para restablecer a circulación de trens. O Adif de momento non aclara cando se poderá restablecer tráfico ferroviario.

Neste sentido, fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron que se solicitou esta medida para facilitar o traballo na zona dos servizos de emerxencias que participan no operativo.

Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unhas oito hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse un técnico, cinco axentes, 12 brigadas, nove motobombas e dous helicópteros.

Controlado o incendio de Salvaterra do Miño-Pesqueiras

O incendio rexistrado en Salvaterra de Miño permanece controlado, tras queimar unha superficie que Medio Rural estima nunhas 47 hectáreas de superficie arborizada. O lume comezou en Pesqueiras, que tamén obrigou na pasada xornada a activar a alerta por proximidade ás vivendas.

O incendio comezou ás 15.45 horas do luns e polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 4 técnicos, 16 axentes, 27 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 helicópteros e 9 avións.

 

Extinguido o incendio Meaño-Xil tras queimar 80 hectáreas

Na tarde deste mércores quedou extinguido o incendio forestal do municipio pontevedrés de Meaño, parroquia de Xil, que segundo as últimas estimacións afectou unhas 80 hectáreas de superficie arborizada.

O incendio iniciouse ás 00.11 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, 1 técnico, 9 axentes, 15 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 3 avións.

Estabilizado Carballedo-San Mamede de Lousada

Desde as 22.28 horas deste martes está estabilizado o incendio do concello lucense de Carballedo, parroquia de San Mamede de Lousada, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas.

Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 10 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 3 avións.

Activo o incendio de Carballeda de Avia

Pese a que estivo estabilizado, volve estar activo polas condicións metereolóxicas o incendio do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións provisionais roza as 20 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 2 técnicos, 14 axentes, 23 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade