O detido pola morte da traballadora de axuda no fogar no Porriño segue ingresado e podería declarar ante a xuíza este xoves
O detido pola morte da traballadora de axuda no fogar no Porriño segue ingresado e podería declarar ante a xuíza este xoves
A Xunta insta a denunciar a traballadoras de axuda no fogar que sufran acoso: "É a única forma de protexelas"
O concello comparecerá na causa e a empresa garda silencio
Losada vincula o asasinato do Porriño coas listas de espera en Psiquiatría, pero descoñece se o suposto autor do crime agardaba asistencia psiquiátrica
A traballadora asasinada no Porriño queixárase de acoso sexual no domicilio o día antes de morrer
O septuaxenario detido este pasado martes no Porriño (Pontevedra) como suposto autor do homicidio dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar da localidade permanece ingresado no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e pasará á disposición xudicial previsiblemente este xoves.
Así o informou o delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco, quen explicou que o home será sometido a exames forenses na unidade de saúde mental do Cunqueiro nas próximas horas e acudirá ante a xuíza previsiblemente o xoves.
Blanco pediu á cidadanía que non xeneralice e que sitúe este crime dentro dun contexto determinado, para non xerar alarma. "Desgraciadamente, este tipo de cousas pasan e imos ver exactamente que lanza a investigación", apuntou.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron tamén que o home continúa no centro médico vigués. Por agora non hai data nin hora concreta para o seu pase á disposición xudicial.
Será a xuíza do Tribunal de Instancia do Porriño Número 1 a que asuma a causa, en funcións de garda.
Preguntado sobre se se coñecía algún tipo de denuncia da traballadora, que segundo di a CIG quería renunciar á casa onde ocorreu o crime por unha situación de acoso vivida o luns, o delegado do Goberno insistiu en que haberá que esperar a ver que recolle o informe policial, que se está elaborando.
A conselleira anima a denunciar
A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñaba este mércores que a Xunta prestou todo o seu apoio desde o primeiro momento tanto á familia da vítima como a usuaria á que atendía a traballadora falecida.
García animou a presentar denuncia naqueles casos en que as traballadoras se sintan vítimas de acoso: "É a única forma de protexelas".
Losada vincula o suceso coas listas de Psiquiatría
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, vinculou o asasinato coas "longas listas de espera" na especialidade de Psiquiatría.
Losada, a preguntas dos xornalistas en Pontevedra, sinalou que "o que demostra" este caso é que estas listas e as "carencias" na atención aos pacientes "conducen a estas situacións e nun determinado momento atopámonos cun lamentable asasinato".
A este respecto, o subdelegado asegurou que o detido, o septuaxenario que matou á asistenta social que coidaba da súa muller, "parece" que estaba a esperar por algún tipo de atención psiquiátrica, aínda que dixo descoñecer "se estaba xa nunha lista de espera".
Dúas xornadas de loito
O Porriño vive dúas xornadas de loito oficial pola morte da traballadora do Servizo de Axuda no Fogar.
Un día antes do crime, Teresa de Jesús contactou coa CIG. Pedía asesoramento para denunciar un episodio de acoso sexual que, dixo, sufrira neste domicilio. Non quería volver traballar alí, e así llo comunicou tamén á empresa que xestiona o servizo.
O Concello do Porriño recabou a versión da concesionaria. Di a empresa "que a traballadora si dicía que non quería prestar ese servizo nese domicilio, pero non dixo a causa", segundo trasladou aos medios o alcalde da localidade.
Tamén se vai presentar na causa a CIG, que este mediodía se manifestaba, precisamente, diante do concello. O sindicato reclama a suspensión do servizo "mentres non se garanta a seguridade das súas traballadoras", pero o alcalde descartouno. "O servizo ten que continuar", díxolles aos xornalistas.
Para os sindicatos, o asasinato de Teresa representa a proba máis desgarradora da precariedade coa que traballan no Servizo de Axuda no Fogar. Margarida Corral, secretaria Confederal das Mulleres, da CIG, reivindica "protección absoluta para que ningunha muller volva sufrir violencia no traballo". O central sindical quere que este caso represente "un antes e un despois" na atención no fogar e ameaza cunha folga no servizo en toda Galicia.
A CIG e Comisións Obreiras convocaron para este mércores dúas concentracións. En concreto, a CIG organizou unha protesta diante do Concello para esixir protocolos contra o acoso no SAF para evitar homicidios das súas traballadoras. Pola súa banda, a convocatoria de CCOO será no mesmo punto ás 20:00 horas.
Tamén o sindicato CSIF condena o asasinato e trasladou as súas condolencias á familia da vítima e ás súas compañeiras de traballo. Esixe unha reacción inmediata por parte das administracións para protexer estas traballadoras esenciais de situacións de violencia e acoso.
O concello comparecerá na causa e a empresa garda silencio
Tras expresar a súa "condena rotunda" polo asasinato, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou a comparecencia do concello na causa co fin de "depurar todas as responsabilidades, sexa quen sexa: un órgano, unha empresa ou unha persoa física".
A empresa que empregaba á traballadora social asasinada garda "confidencialidade" sobre este caso. Fontes de Aralia, que presta ese servizo ao Porriño, trasladaron a EFE que están "a colaborar coa autoridade xudicial e a Garda Civil para achegar cantos datos" lles sexan requiridos.
Sinalan que, "por razóns obvias", deben ser "escrupulosos co proceso e gardar a debida confidencialidade en tanto non sexan as autoridades competentes quen informe sobre a terrible morte" da súa compañeira Teresa, un suceso que lles deixou "conmocionados".