A maior concentración orixinal de canastros de Europa está nunha aldea de Avión
Os expertos din que é o maior conxunto de hórreos na súa localización orixinal documentada en Europa
A Asociación Vive Avión desenvolve o proxecto Avión dende o aire, con imaxes de dron
"Avión dende o aire", soa coma un xogo de palabras, pero é ademais un interesante proxecto que pretende poñer en valor o rico patrimonio etnográfico deste concello ourensán. A vista de paxaro amósannos, por exemplo, a concentración orixinal de canastros máis grande de Europa, segundo os expertos.
Xa loce fermosa a rentes do chan a eira de Barroso cos seus 29 hórreos, feitos en granito labrado, lousa e madeira. Porén dende o aire comprobamos mellor a dimensión do conxunto. Hai ocos porque faltan once pezas que foron vendidas para fincas particulares.
"Sería 40 unidades en total. Hai unha en Lindoso, que ten como 50 ou 60. Hai outra na Merca, pero claro, alí foron reagrupados. Así que esta de Barroso é se cadra a maior concentración de hórreos que permanecen no seu estado orixinal, incluso de Europa", asegura Amancio Bruquet, presidente da Asociación Vive Avión, creada para recuperar, poñer en valor e difundir o rico patrimonio natural, etnográfico e arquitectónico que atesoura este pobo ourensán.
Teñen arredor de dous séculos de existencia, cando comezou o cultivo de millo na zona. Hai documentados ata 1034 en todo o municipio. Deixaron de ter función hai décadas, cadrando coa emigración e o abandono do campo.
"Teño dous aquí nesta eira. E un na miña casa e outros tres en Vilar. Estaban todo sen produción, cheos de millo. Dende o ano 1964 xa non se usan, xa non había millo para gardar nos canastros", conta Florencio Durán, veciño de Barroso que naceu e viviu neste pobo ata que emigrou a América.
Ademais dos hórreos, o valor paisaxístico, natural e etnográfico de Avión é inesgotable. A asociación pretende recuperalo e dalo a coñecer, cunha nova ollada, incluso entre os propios veciños.
"Véndoos en plano non se aprecian moitas veces, pero véndoos dende o aire, case como en 3D, pois resultan impresionantes. E para coñecelos nós mesmos, eu vou descubrindo cousas novas a cada paso. Moitos veciños da parte de abaixo non saben o que hai na parte de arriba", afirma Amancio Bruquet.
Voar por Avión supón tamén unha viaxe no tempo, á época en que o pobo vivía da súa propia riqueza.