Polo menos 22 falecidos nas estradas esta Semana Santa
Dous homes perderon a vida nas estradas galegas, un en Ourense e outro en Ribeira
A operación de tráfico conclúe ás doce desta noite porque o Luns de Pascua é festivo na Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco, Navarra e A Rioxa

Ás doce desta noite conclúe a operación especial de tráfico con motivo da Semana Santa, que comezou o venres 11, ás tres da tarde, e na que polo menos perderon a vida 22 persoas.
Ata as oito da tarde de onte, domingo, producíronse na rede viaria interurbana 21 accidentes mortais, con 22 falecidos, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Polo momento, hai un descenso no número de vítimas con respecto aos 27 falecidos do ano pasado.
Na nosa comunidade autónoma houbo que lamentar dúas vítimas nas últimas horas. Un home de 92 anos morría en Ourense tras sufrir un infarto mentres conducía co permiso caducado. E en Ribeira, outro home de 36 anos falecía esmagado pola súa propia furgoneta ao quedar esta sen freos.
Ao longo da xornada espérase unha importante afluencia de coches na rede viaria para o regreso das vacacións, xa que este luns é festivo na Comunidade Valenciana, Cataluña, País Vasco, Navarra e A Rioxa.
Ademais, ao non ser lectivo noutras comunidades autónomas, como Madrid, moitos condutores atrasaron o regreso e tamén se prevén dificultades de tráfico nas vías de entrada á capital.