Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta busca consenso para o plan estratéxico, que a oposición ve caducado

A Xunta busca consenso para o plan estratéxico, que a oposición ve caducado

O conselleiro de Facenda trasladou a "máxima disposición do Goberno por achegar posturas e enriquecer" o texto

A oposición pídelle á Xunta que adapte o plan á nova realidade cun esceneraio inflacionista

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos,durante a súa intervención no Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 13/09/2022 07:58 Última actualización 13/09/2022 12:03

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, mostrou a vontade de consenso do Goberno galego sobre o Plan Estratéxico para o período 2022-2030: "Non é só unha intención, é unha convicción", aseverou.  

Con todo, o BNG, que presentou 36 propostas de resolución, avanzou o seu voto en contra dun plan que ve "cos pés de barro" ao entender que "non fai un diagnóstico realista". O PSdeG fixo 182 propostas e o PP, tres. Agora ábrese un prazo ata as 18,30 horas deste martes para transaccións, e o mércores a Cámara celebrará un novo debate e a votación do plan estratéxico.  

No seu discurso, o conselleiro reivindicou que o plan estratéxico é un documento "que aspira a ser a folla de ruta" do Executivo autonómico pero "non é un texto de Goberno", xa que recibiu "as achegas da sociedade civil" e agora "ten que ser ampliado polas dos diferentes grupos".   Por iso trasladou a "máxima disposición do Goberno por achegar posturas e enriquecer" o texto.

Para o período 2022-2030, fixou, de feito, os "retos" da pospandemia, a alza xeral de prezos e a crise enerxética. "Temos que prepararnos e buscamos superar o impacto e conseguir unha recuperación sustentable e inclusiva", destacou.   Entre outras cuestións, tamén se referiu ao reto demográfico e á consecución dunha "sociedade innovadora, dixital, moderna pero tamén solidaria e cohesionada".  

O plan contempla cinco eixos: o do ámbito demográfico, un baixo o título 'Galicia verde sustentable', outro sobre competitividade e crecemento, o penúltimo acerca de cohesión social e territorial e un último de gobernanza.

Na súa quenda, a deputada do PSdeG Begoña González Rumbo lamentou que a Xunta "puido dedicar estes sete meses a adaptar o plan estratéxico á realidade que se está vivindo", tendo en conta que a situación económica é "moi diferente" da que había cando se elaborou. É por iso que o ve "caducado, reseso" e falto de "vixencia".  

Mentres, o parlamentario do BNG Daniel Pérez incidiu en que este plan "non é oportuno desde un punto de vista político e constitúe un engano" para a poboación, en opinión do seu grupo. "Retíreno, aínda están a tempo", pediu.   

Fronte a isto, na súa intervención, o popular Pedro Puy defendeu que o plan "ten os pés no chan e a cabeza nos temas" que afectan os galegos, e tramítase polo sistema "máis participativo" no Parlamento.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade