Goretti Sanmartín non irá á entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor
A rexedora afea que se utilice esta distinción para "branquear unha institución cuestionada social e politicamente"
O PSOE acúsaa de "actuar como militante do BNG" e o PP de "poñer por diante a ideoloxía máis radical do seu partido"

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este sábado que non acudirá á entrega da Medalla de Galicia á princesa Leonor. Este luns e afeou que se utilice esta distinción para "branquear unha institución cuestionada social e politicamente".
O PSOE acusou a rexedora de "actuar como militante do BNG" e o PP local aproveitou para denunciar que, "unha vez máis, poña por diante a ideoloxía máis radical do seu partido".
"Como alcaldesa de Santiago de Compostela, acudirei ao acto oficial de entrega das medallas de Galicia, que será, como é habitual, o 24 de xullo, pero non estarei no acto do luns. Estas medallas son o principal recoñecemento do pobo galego e debe ser tratado con debido respecto polo que significa", asegurou.
Neste sentido, explicou que estas medallas son a "máxima honra" que concede o Goberno galego a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia e fixo fincapé en que, neste caso, a princesa Leonor "non deu nada meritorio a Galicia".
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Socialista do PSdeG-PSOE no Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, asegurou que este comportamento "non é propio dunha alcaldesa que representa a toda a Corporación Municipal e ao conxunto da cidadanía de Santiago".
Os populares tamén amosaron o seu rexeitamento. De feito, o líder do PP compostelán, Borja Verea, lembroulle a Sanmartín que "non só goberna para os seus e con este tipo de accións o que demostra é que está moi lonxe de ser a alcaldesa que unha cidade universal como Santiago merece".
"Botado ao monte"
Con todo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acusou o BNG de estar "botado ao monte do radicalismo e en mans da CIG e da UPG" e, neste contexto, afirmou que os nacionalistas "non representan en ningún caso a sociedade real de Galicia".
Así mesmo, a rexedora recibiu críticas dos concelleiros non adscritos do Concello de Santiago.