ERC pide concretar o modelo de financiamento e presiona con levalo ao Congreso
O vindeiro luns terá lugar a reunión bilateral entre o Goberno e a Generalitat
A ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegura que "nunca haberá privilexios duns territorios contra outros"
Continúa o debate político sobre o financiamento singular para Cataluña que o Goberno negocia coa Generalitat e con ERC. A dous días da celebración da reunión bilateral, e mentres os baróns socialistas amosaban o seu receo ante o que consideran un "agravio" a outras comunidades, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurou este sábado nun acto de partido en Andalucía, que "nunca haberá privilexios duns territorios contra outros".
"Mentres que uns falan de agravios territoriais que son mentira, mentres haxa un só socialista na Moncloa, no Ministerio de Facenda nunca haberá, nunca xamais, haberá privilexios duns territorios contra outros territorios", dixo Montero.
E mentres o líder de ERC, Oriol Junqueras, advertiu que o acordo de financiamento non está pechado e presiona con levar a proposta ao Congreso.
"O resultado da bilateral entre o Goberno catalán e o Goberno español deste próximo luns condicionará a posición de ERC sobre moitas cuestións, sinxelamente porque o que debe concretarse é moi importante. É evidente que ninguén pode esperar chegar a novos acordos relevantes con ERC se non é capaz de concretar os acordos aos que xa chegou. O PSOE debe cumprir coa sociedade catalá e consigo mesmo", dixo o líder de ERC.