Publicador de contidos

Publicador de contidos

Goberno e PSOE vense gañadores do debate sobre corrupción e celebran o apoio dos socios

Goberno e PSOE vense gañadores do debate sobre corrupción e celebran o apoio dos socios

Junts avisa de que hai prórroga se o Goberno cumpre con Cataluña: "Se non, a eleccións"

Sumar mete présa ao PSOE para implantar xa as medidas anticorrupción, e o Goberno di que se aprobarán canto antes

O BNG cre que a Sánchez faltoulle "autocrítica" e pide acelerar os compromisos pendentes

O PP cre que os socios do Goberno están subindo o prezo do seu apoio

Pedro Sánchez, tras o pleno do Congreso, acompañado polo ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública Óscar López (EFE / Mariscal)
G24.gal 10/07/2025 09:09 Última actualización 10/07/2025 15:20

O Goberno e o PSOE danse por vencedores da xornada deste mércores no Congreso dos Deputados, na que Pedro Sánchez se enfrontaba á comparecencia para dar explicacións polo caso Cerdán. Consideran que obtiveron o apoio dos socios parlamentarios e teñen marxe para seguir adiante coa lexislatura, como se dunha moción de confianza se tratase.

A sensación de vitoria quedaba patente nun chío publicado á última hora da tarde polo propio PSOE na rede X, en que sinalaba ao líder do PP Alberto Núñez Feijóo como o derrotado da xornada.  

E a pesar de que os socios lanzaron avisos e críticas ao Executivo, tamén trasladaron que non teñen intención de deixar caer o Goberno.

Algúns deses avisos fixéronse en ton moi duro, como o caso da secretaria xeral de Podemos Ione Belarra, quen acusou a Sánchez de quitarlle importancia á corrupción nas filas do PSOE e cualificou a Santos Cerdán e ao tamén exsecretario de Organización e exministro José Luis Ábalos como "os seus amigos puteiros".

Tamén o PNV instou a Sánchez a arranxar a pingueira causada polos casos de corrupción e advertiulle de que a súa confianza está na UCI e o Goberno non pode continuar dous anos en agonía.

Con todo, no Goberno consideran que as duras palabras de Feijóo cara ao PNV xogaron na súa contra e resaltan que a segunda intervención da portavoz, Maribel Vaquero, foi dirixida a replicar ao PP.

Así, no Goberno cren que quedou patente que os populares non teñen aliados cos que tecer alianzas, máis alá de Vox.

Amais diso tamén cren nas filas socialistas que Feijóo se viu superado e que iso motivou que acendese aínda máis o debate na súa segunda intervención. "A impotencia fíxolle perder os papeis e amosar a súa verdadeira natureza", aseguraba o ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, noutro chío.

Por tanto, consideran que Sánchez superou este pleno e veno como un punto de inflexión que lle dá aire para seguir coa lexislatura despois de semanas moi complicadas que levaron mesmo a pensar na dimisión, segundo admitiu el mesmo.

Junts avisa que a duración da prórroga dependerá de se cumpre con Cataluña: "Se non, a eleccións"

A portavoz de Junts no Congreso Míriam Nogueras avisou ao presidente do Goberno Pedro Sánchez de que a duración da prórroga a que ela se referiu este mércores no Congreso dependerá de se o Executivo ten interese en cumprir cos termos de Cataluña, e se non ocorre quererá dicir que a Sánchez xa lle irá ben ir a eleccións.

Durante unha entrevista en TVE, recollida por Europa Press, a independentista catalá garantiu que na súa formación non poñen prazos á prórroga porque cren que non vale a pena, aínda que ao mesmo tempo insistiu ao Goberno en que este prazo extra non dura toda a lexislatura.

Sumar mete présa ao PSOE para implantar xa as medidas anticorrupción: "Non podemos fallar máis"

O ministro de Cultura e portavoz de Sumar Ernest Urtasun instou este xoves os seus socios de Goberno do PSOE a implantaren xa as medidas anticorrupción anunciadas por Pedro Sánchez na súa comparecencia do mércores no Congreso sobre o caso Cerdán, porque asegura que o Executivo non pode fallar máis.

Nunha entrevista na Cadena Ser, Urtasun dixo que a comparecencia de Sánchez foi un paso adiante, xa que o presidente do Goberno anunciou quince medidas anticorrupción, das cales dez asegura que eran propostas de Sumar, pero sinalou que agora van ser moi contundentes co PSOE para implantalas.

O portavoz de Sumar aprecia un cambio no PSOE, xa que asegura que a semana pasada seguían vendo os socialistas desorientados e con pouca capacidade de reacción, pero nos días previos á comparecencia de Sánchez estiveron a negociar as medidas con algúns ministros socialistas e membros do equipo do presidente e foi un traballo moi positivo.

O Goberno asegura que as medidas se aprobarán canto antes

A portavoz do Goberno Pilar Alegría asegurou este xoves que as medidas do plan nacional contra a corrupción anunciado onte por Pedro Sánchez no Congreso se aprobarán canto antes.

Nunha entrevista en TVE, a socialista apuntou a que algunha das leis anunciadas, como a de transparencia, xa se atopan en trámite lexislativo e a intención do Goberno é que tanto as que dependen do Consello de Ministros como as que deben aprobarse no Congreso se aproben rapidamente e coa maior axilidade posible.

Ademais, considerou que o anuncio destas medidas deixa o bloque dos socios da investidura renovado e fortalecido e o Goberno de coalición igual.

Doutra banda, apuntou a que viron o líder do PP Alberto Núñez Feijóo desaforado nunha intervención coa que pretendía facer un debate bronco e faltón porque carece de argumentos e proxecto propositivo para España.

O BNG cre que a Sánchez faltoulle "autocrítica" e pide acelerar os compromisos pendentes

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a Pedro Sánchez lle faltou "autocrítica" e apremia o Goberno a que cumpra dúas condicións: acelerar unha axenda social e os compromisos pendentes con Galicia.

Pontón subliñou este xoves que a lexislatura está nun “momento crítico”, polo que “o Goberno ten que pisar o acelerador para cumprir os seus compromisos” e incidiu en que así o esixirá o BNG porque “para iso estamos en Madrid”.

Para o voceiro de Podemos, Pablo Fernández, o obxectivo de Pedro Sánchez no pleno foi "tentar botar o balón adiante, gañar tempo ata que saia un novo informe da UCO".

O PP cre que os socios do Goberno están subindo o prezo do seu apoio

O Partido Popular está convencido de que os aliados parlamentarios "desexan" novos informes da UCO que comprometan o presidente do Goberno, "porque cando máis feble estea, o prezo da chequeira vai ser maior", en palabras da súa voceira no Congreso. Ester Muñoz cre que os socios non van retirarlle o apoio ao Goberno. Trátase, di a popular, dunha simple ameaza para recordarlle a Pedro Sánchez "que depende deles".

Fronte a iso concluíu que quedou "retratado" que o PSOE está rodeado de corrupción, que os seus socios apóianlle para seguir "sacándolle" e que o PP é unha alternativa real. 

Tamén colea outra polémica do debate a conta das alusións de Alberto Núñez Feijóo ao sogro de Pedro Sánchez, ao que o líder do PP lle atribuiu negocios de prostitución. O día despois, a voceira Ester Muñoz reafirmábase nas declaracións do presidente do seu partido. "Entendo que para o PSOE a verdade é moi dura", asegurou nunha entrevista en Telemadrid.

No PSOE están indignados. O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, cre que os populares "atravesaron liñas vermellas dunha gravidade manifesta".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade