Feijóo insiste en dicir que Sánchez se beneficiou da prostitución
O líder do PP reafírmase nas acusacións que lanzou no Congreso este mércores
O PSOE considera que Feijóo se "somerxeu nas cloacas"
Dous días despois do pleno monográfico no Congreso, Alberto Núñez Feijóo reafírmase nas súas polémicas declaracións. Insiste en que Pedro Sánchez se beneficiou da prostitución a través dos negocios do seu sogro. "Esa prostitución veulle ben no ámbito persoal e patrimonial, e se non lle gusta, síntoo por el, pero eu non fixen ningunha crítica, fixen unha crónica", insistiu este venres. Segundo o presidente do PP, "a verdade non é faltar ao respecto".
Os socialistas cren que, con estes ataques persoais, o PP "somerxeuse nas cloacas". Félix Bolaños, ministro de Xustiza, considera que o PP quere "que falemos de lupanares" porque o seu líder saíu "embarrado ata as cellas" do pleno do mércores pasado.
Por outra parte, a Fiscalía Anticorrupción oponse a que Santos Cerdán saia do cárcere. O exnúmero tres do PSOE presentou un recurso para anular a prisión provisional, pero o ministerio público está en contra porque considera que persiste o risco de que se destrúan probas relevantes.
O xuíz que leva o caso tamén está pendente da información que lle vai enviar o Congreso e o PSOE sobre o soldo e as doazóns de José Luis Ábalos, porque á UCO non lle cadran as contas. María Jesús Montero, vicepresidenta primeira do Goberno, asegura que os socialistas están "moi tranquilos" porque "todo está absolutamente en orde".
No PSOE insisten en que as súas contas están limpas e que non teñen nada que temer. O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, asegurou estar "desexando que saia calquera informe, do que sexa" porque están seguros de que non vai salpicar o partido.
Mónica García, ministra de Sanidade, asegura que Sumar ten garantías do PSOE de que o caso non vai escalar.