Marlaska lembra que a xestión dos incendios é autonómica e acusa o PP de botar balóns fóra
O ministro de Interior asegurou este xoves que as comunidades afectadas polos grandes incendios non puxeran en dúbida a provisión de medios do Estado ata que Feijóo pediu máis recursos
Os populares acusan o goberno de querer sacar rédito electoral da desgraza
O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, asegurou este xoves que as comunidades afectadas polos grandes incendios non puxeran en dúbida a provisión de medios do Estado para a loita contra o lume ata que o día 15 de agosto o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu máis axuda e recursos do Exército.
Así o manifestou Marlaska na réplica aos grupos na Comisión de Interior do Senado, onde compareceu, a petición do PP, para explicar a contribución do Estado nos labores de extinción dos incendios deste verán.
En resposta ao senador do PP Luis Santamaría, o titular de Interior apelou ao marco competencial en materia de emerxencias, cuxa xestión corresponde ás autonomías, e acusou os populares de botar "balóns fóra no canto de gastar esa enerxía en poñer medios para xestionar a emerxencia".
Deixou claro que o Estado non pode "desapoderar nin desautorizar" ás autonomías, quen é as que ten que pedir axuda ao Estado, pero insistiu en que as competencias na xestión é delas porque "están no terreo e son as que mellor o coñecen".
Sobre a xestión dalgunhas destas autonomías, Marlaska puxo algún exemplo, como o de que Galicia pediu medios humanos cando estaba a retirar os seus, ou o de Castela e León que, segundo o ministro, solicitou o día 17 de agosto que se incorporasen efectivos da comunidade que estaban de vacacións cando os incendios xa eran alarmantes o día 8.
Tras insistir en que "desde o minuto un Protección Civil e o Goberno puxeron ao disposición das comunidades os medios que requeriron", Marlaska, como xa fixera o martes a ministra de Defensa, Margarita Robles, referiuse á actitude dalgunhas desas autonomías tras as declaracións de Feijóo.
Segundo explicou, as altas autoridades de Galicia e Castela e León dirixíronse á administración central para esixir medios con "indeterminación". "Iso non é lealdade institucional", salientou Marlaska antes de subliñar que a Xunta castelanoleonesa solicitou ata 15 postos de mando avanzado cando xeralmente ten dous en todo o seu territorio.
Durante o debate, o senador do PP Luis Santamaría cargou contra a directora xeral de Protección Civil, Virginia Barcones, quen, ao seu xuízo, "reduciu a cinzas o principio de lealdade institucional" ao criticar a xestión das autonomías nos incendios.
Santamaría atribuíu a Barcones que o sistema de Protección Civil "volvese a fracasar", e dixo que tanto ela como Marlaska "son un estorbo e están a anos luz da categoría e sacrificio" dos axentes das forzas de seguridade. "Non merecen ocupar os seus postos", apostilou.
Ante esas acusacións, o ministro cualificou a Barcones de "excelente" directora xeral, que sempre estivo "en primeira liña", como o estivo en 2022 como delegada do Goberno en Castela e León con motivo dos incendios dese ano nesa rexión.
O senador do PP reprochou ao Goberno que "racaneara a media España os medios que necesitaban para evitar que os seus montes e casas ardesen", e acusoulle de pasar do "se queren medios que os pidan, ao se queren medios que os imploren".