Galicia non ten incendios activos por primeira vez desde o 5 de agosto
Este xoves quedaron estabilizados os dos últimos que quedaban activos na Pobra do Brollón e Avión
A vaga de incendio deixa máis de 96.000 hectáreas arrasadas, segundo cifras de Medio Rural

Galicia está este xoves sen ningún lume activo de máis de 20 hectáreas por primeira vez desde que empezou a vaga de incendios este mes de agosto, despois de que quedasen este xoves estabilizados os que había na Pobra do Brollón e Avión.
O último balance de Medio Rural recolle que o lume da Pobra do Brollón quedou estabilizado ás 11:07 horas deste xoves, tras queimar 900 hectáreas, mentres que ás 14:42 horas estabilizouse o de Avión (250 ha).
É a primeira vez que un parte de Medio Rural -que só inclúe os focos de máis de 20 hectáreas ou que afectan a espazos protexidos- non inclúe lumes activos desde o que divulgou á primeira hora do martes 5 de agosto.
A grande vaga de incendios que a comunidade sufriu este mes de agosto arrasou 96.000 hectáreas, segundo as cifras da Xunta, a maior parte na provincia de Ourense, polo que 2025 é xa o ano con máis extensión queimada en Galicia este século.
Non hai ningunha estrada cortada ao tráfico, aínda que segundo a información de Adif permanece interrompida a circulación entre Monforte de Lemos e San Clodio-Quiroga, da liña Monforte-Ponferrada, que tivo que pecharse polo incendio da Pobra do Brollón.
En canto ao resto de focos, está estabilizado desde onte o de Carballeda de Valdeorras-Casaio, tras calcinar 5.000 hectáreas desde que entrou na comunidade galega procedente de Zamora.
A mellora das condicións meteorolóxicas, cun descenso das temperaturas e choivas nalgunhas zonas, permitiu onte á noite dar por controlados varios dos grandes incendios estabilizados nos últimos días e que arrasaron máis hectáreas durante a vaga.
Están nesta situación o de Larouco, o máis grande da historia de Galicia con 30.000 hectáreas queimadas e dúas dos tres focos do de Chandrexa de Queixa (19.000 ha), mentres permanece estabilizado o foco de Vilariño.
Tamén están controlados os de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha), A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha), Maceda (3.500 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha).