Estabilizado o incendio da Pobra do Brollón e xa só queda activo o de Avión
O incendio que empezou o luns na Pobra do Brollón quedou estabilizado este xoves, informou a Consellería Medio Rural, polo que só permanece activo en Galicia o lume de Avión (Ourense).
O lume da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, obrigou a decretar durante varios días a situación 2 de emerxencia, desactivada onte mércores, pola súa proximidade con tres núcleos de poboación dese municipio e da veciña Quiroga.
Este incendio calcinou 900 hectáreas, segundo a última cifra divulgada por Medio Rural, e mantén interrompida desde o luns a circulación ferroviaria entre San Clodio-Quiroga e A Pobra do Brollón, da liña Monforte de Lemos-Ponferrada.
Tras a estabilización da Pobra, o único incendio de máis de 20 hectáreas activo en Galicia é o de Avión-Nieva, que afectou a unha superficie estimada de 250 hectáreas.
O mércores estabilizáronse os de Carballeda de Valdeorras-Casaio, tras calcinar 5.000 hectáreas desde que entrou na comunidade galega procedente de Zamora, e A Fonsagrada, dado por extinguido tras queimar 53,47 hectáreas.
A mellora das condicións meteorolóxicas, cun descenso das temperaturas e choivas nalgunhas zonas, permitiu onte á noite dar por controlados varios dos grandes incendios estabilizados nos últimos días e que arrasaron máis hectáreas durante a vaga de incendios que golpeou a provincia de Ourense, que este xoves visitan os reis.
É o caso do de Larouco, o máis grande da historia de Galicia con 30.000 hectáreas queimadas, e de dúas dos tres focos do de Chandrexa de Queixa (19.000 ha), mentres permanece estabilizado o foco de Vilariño.
Outros que se controlaron son os de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), e Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha).
Os incendios de Maceda (3.500 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha) seguen controlados.