Tellado ataca a Sánchez polos pactos con Bildu na homenaxe a Miguel Ángel Blanco
O secretario xeral do PP asegurou en Ermua que o Goberno de Sánchez está "acabado e finiquitado"
O PPdeG tamén homenaxeou o edil asasinado no cemiterio da Merca, onde descansan os seus restos
En Ermua, homenaxeouse a Miguel Ángel Blanco, 28 anos despois do seu asasinato a mans de membros da ETA. No acto, estiveron presentes, entre outros, a irmá de Miguel Ángel Blanco e o secretario xeral do PP.
Miguel Tellado, na súa intervención, cargou contra Pedro Sánchez polos seus pactos con Bildu e asegurou que o Goberno de Sánchez está "acabado e finiquitado".
"Bildu xamais será recibido na Moncloa nin será tratado como un partido normal porque non o é iso é que ten que suceder na España que vén, esa é a España que se abre paso. O Goberno de Sánchez está finiquitado, está acabado", dixo Miguel Tellado.
"A dignidade non se pode enterrar e a verdade no se tapa con pactos vergoñentos. Mentres na Moncloa intentan reescribir a historia, nós defendémola onde sempre, na rúa e coa verdade por diante", destacou Mari Mar Blanco.
No concello ourensán da Merca, o Partido Popular de Galicia tamén lle rendeu unha homenaxe a Miguel Ángel Blanco no cemiterio de Faramontaos, onde descansan os seus restos mortais.
Nesa homenaxe estiveron, entre outros, a secretaria xeral do PPdeG, o presidente provincial do PP de Ourense e o alcalde da Merca, que depositaron unhas flores ante a escultura en honor a Miguel Ángel Blanco.
"Vinte e oito anos despois do seu asasinato homenaxeamos a Miguel Ángel Blanco, un vasco con profundas raíces galegas que descansan aquí en Galicia, un vasco que concitou a unidade de todos os españois, por unha España máis democrática, máis unida, plural e sobre todo unha España que quería deixar atrás a indignidade do terrorismo", dixo Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG.
