O avión de Von der Leyen sofre unha presunta interferencia rusa no seu GPS
Malia todo, fontes comunitarias sinalan que o aparello aterrou en Bulgaria “sen incidencias”

A Comisión Europea (CE) confirmou este luns que o avión no que a presidenta da institución, Ursula von der Leyen, viaxaba o domingo a Bulgaria sufriu interferencias no seu GPS, supostamente rusas.
“Podemos confirmar que houbo interferencias no GPS, pero o avión aterrou sen incidencias”, indicou a portavoz comunitaria Arianna Podestà. Segundo o diario Financial Times, a aeronave tivo que aterrar utilizando mapas de papel.
Von der Leyen voaba de Varsovia a Bulgaria para reunirse co primeiro ministro búlgaro, Rosen Zhelyazkov, e visitar unha fábrica de municións.
"As autoridades búlgaras sospeitan que esta flagrante inxerencia foi levada a cabo por Rusia", afirma a portavoz da CE
A portavoz da CE. Arianna Podestà, confirmou ademais que se trataba dun voo chárter e que non tivo que cambiar a súa ruta por mor da interferencia. "O que podemos dicir é que as autoridades búlgaras sospeitan que esta flagrante inxerencia foi levada a cabo por Rusia, e esta é a información que recibimos deles", insistiu.
Podestà descoñece se outras aeronaves resultaron afectadas e afirma: "Somos moi conscientes de que as ameazas e a intimidación son un compoñente habitual das accións hostís de Rusia".
Este incidente, engade, "subliña a urxencia da actual viaxe da presidenta aos Estados membros de primeira liña, onde puido ver de primeira man as ameazas diarias de Rusia e os seus aliados".
A Autoridade de Tráfico Aéreo de Bulgaria confirmou nun comunicado que desde febreiro de 2022 aumentaron notablemente as interferencias (de GPS), afectando avións, barcos e civís que utilizan o servizo para a navegación diaria.
Tras o ocorrido, Podestà deixou claro que "a UE seguirá investindo en defensa e na preparación de Europa".
Von der Leyen realiza unha xira nos últimos días polos Estados membros da UE limítrofes con Rusia, e antes de trasladarse a Bulgaria o domingo visitara Polonia.