Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BNG presenta un plan integral con 50 medidas para "protexer" Galicia dos incendios

O BNG presenta un plan integral con 50 medidas para "protexer" Galicia dos incendios

Ana Pontón considera prioritario "cambiar o modelo do Partido Popular" e procurar un "grande acordo de país" para que nunca máis volvamos vivir unha vaga de incendios como a deste verán

 

G24.gal 01/09/2025 13:02

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este luns o plan elaborado pola súa formación baixo o nome ‘Da cinza á vida’, que contempla 50 medidas concretas para evitar que se repitan as vagas de incendios e darlle futuro ao rural mediante unha recuperación ambiental real, un novo modelo de monte multifuncional, prevención estrutural e eficaz e a revitalización do medio rural.

Desde Ourense, a líder do BNG pediu á Xunta que tome estas propostas como a "base dun grande acordo de país" porque "Galicia merece que realmente se tomen as medidas necesarias para garantir que nunca máis volvamos vivir unha vaga de incendios que deixe unha situación tan catastrófica como a que acabamos de vivir".

Neste sentido, desde o Bloque consideran que é prioritario "cambiar o modelo do Partido Popular" e apostar pola dinamización do medio rural "porque sabemos que un monte produtivo, un monte e un rural onde vive xente é un monte que ten menos posibilidades de arder".

O plan contra incendios do BNG

Os nacionalistas propoñen implantar a obriga de que a estrutura forestal se realice "en mosaico", alternando especies de distintas combustibilidades co obxectivo de promover a biodiversidade e tamén como unha medida de seguridade.

Segundo Pontón, débense “deixar atrás esas grandes masas de monocultivo, de especies pirófitas, que sabemos que son un grave problema cada vez que se produce un incendio”.

Reclaman que se amplíe a moratoria á plantación de eucalipto e impulsar proxectos que incrementen os sistemas de pastoreo, a produción de madeiras de calidade para segundas transformacións e tamén o aproveitamento doutros produtos do monte.

Para a prevención tamén propoñen "duplicar os fondos" e poñer en marcha un plan verde para limpeza e xestión forestal que contemple aumentar a franxa de protección a casas e núcleos poboacionais.

Desde o Bloque consideran necesario ir máis aló das medidas anunciadas e urxen a creación dun "fondo de recuperación económica, social e ambiental que se active entre a Xunta e o Estado" e que, ao seu xuízo, debería estar dotado con 200 millóns de euros ampliables en función das necesidades.

Demandan tamén aumentar as axudas orientadas ás vivendas afectadas polos lumes ata os 200.000 euros e crear unha achega directa e inmediata de 6.000 para sufragar os gastos de autónomos e pequenas empresas.

O BNG pediu que se atendan as súas demandas porque "Galicia merece moito máis que o uso político partidista e preeiro" que, segundo a líder do Bloque, "o PP quixo facer no medio dos peores incendios da nosa historia", nos que optaron por actuar con "mentiras e propaganda". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade