O concelleiro de Moraña expulsado do BNG por denuncia de violencia machista cesa no seu cargo na CIG-Ensino
O concelleiro de Moraña expulsado do BNG por denuncia de violencia machista cesa no seu cargo na CIG-Ensino
Rubén Fernández deixa ademais o sindicato
Rubén Fernández Monteagudo, ata o de agora concelleiro do BNG en Moraña, e que foi suspendido de militancia ante unha acusación de violencia machista, cesou tamén no seu cargo como responsable comarcal de CIG-Ensino en Santiago, e pediu a súa baixa voluntaria do sindicato, segundo confirmou a central nacionalista nun comunicado.
Así, a CIG informou de que Fernández Monteagudo "solicitou a baixa voluntaria do sindicato e cesou nas súas responsabilidades tras coñecer as acusacións vertidas contra el".
O sindicato nacionalista apuntou, en todo caso, que foi coñecedor dos feitos que se lle imputan a Fernández Monteagudo "polas noticias publicadas nos medios" e non ten "constancia por ningún medio da existencia de denuncia, verbal ou por escrito, por estes feitos".
Nas últimas horas, a Executiva Nacional do BNG confirmou a suspensión de militancia do que era tamén concelleiro en Moraña, ao que pediu a devolución da acta, tras recibir unha acusación de violencia machista da que a organización tivo constancia a través dunha persoa da contorna persoal da vítima.
Segundo trasladaron os nacionalistas nunha nota de prensa, a decisión tomouse nunha reunión celebrada o 15 de decembro despois de coñecer esta acusación o día anterior, o 14 de decembro.
A dirección do BNG, que matizou que Fernández Monteagudo non tiña ningún cargo nin responsabilidade política dentro da organización, acordou tamén trasladar o seu total apoio á vítima, e aclarou que a expulsión do aludido decidiuse a pesar de que non recibiu ningunha denuncia formal a través da canle interna habilitada, senón que chegou verbalmente por unha persoa da contorna da vítima.