Centos de profesores levan as súas reivindicacións á rúa nunha manifestación en Santiago
Segunda xornada da folga no ensino público convocada pola CIG e STGE
Entre as principais reivindicacións están recuperar o horario lectivo de 21 horas en primaria e 18 en secundaria e o resto de ensinos), reducir os cocientes en todas as etapas educativas cun calendario máis curto e, sobre todo, aumentar o persoal para atender á diversidade
Imaxe da mobilización celebrada este mércores en Santiago de Comopostela (EFE/Lavandeira jr)
Centos de profesores manifestáronse este mércores polas rúas do centro de Santiago de Compostela en defensa do ensino público, na última xornada das dúas de folga convocadas esta semana pola CIG e o STGE, sindicatos maioritarios neste sector.
A marcha, que saíu do Parlamento de Galicia e concluíu ante a Consellería de Educación da Xunta en San Caetano, ía encabezada por unha gran pancarta que pedía un "Ensino público galego con futuro".
Moitas persoas ían vestidas de negro ou portaban cadaleitos en representación do "enterro" do ensino público e carteis en galego como "A comunidade educativa está de loito, sen recursos non hai educación", "Ensino público RIP" ou "Diversidade abandonada".
Outras sostiñan unha especie de necrolóxica na que se podía ler: "O ensino público galego non morreu, deixárono morrer. Asinado: Pompas fúnebres educativas Román", en referencia ao nome do conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
"Estamos a simular o enterro do ensino público. Onte aprobáronse uns orzamentos que dinamitan o ensino público, se estancan e prevén o mesmo número de profesorado", declarou a EFE a secretaria xeral de CIG Ensino, Laura Arroxo.
Ao seu xuízo, as políticas do PP "están a enterrar o ensino público de calidade", que precisa "máis recursos humanos e máis profesorado".
Arroxo enumerou as principais reivindicacións da folga: recuperar o horario lectivo de antes da crise (21 horas en primaria e 18 horas en secundaria e o resto de ensinos), reducir os cocientes en todas as etapas educativas cun calendario "máis curto que o da Xunta que vai ata o ano 30 e pico", e sobre todo aumentar o persoal para atender á diversidade, "un dos problemas principais que teñen agora todos os centros".
A sindicalista dixo non ter datos do seguimento da folga estes dous días, pero asegurou que este é "amplo" e "non decaeu", xa que "a xente está moi implicada nos centros educativos".
Pola súa banda, a secretaria de Organización do Sindicato dos Traballadores do Ensino de Galiza (STGE), Comba Campoy, asegurou que "non hai profesorado suficiente" para atender á diversidade, a pesar de que "a Xunta se esmera moito en vender esa atención".
Segundo os portavoces sindicais, non se están cumprindo os cocientes, xa que a máxima sitúase actualmente en 25 alumnos en infantil e primaria e "hai moitísimos centros onde están nos 29 porque eles mesmos saben que hai nenos que computan dobre ou mesmo triplo porque necesitan uns apoios extras que non se están realizando", sinalou Campoy.
A Xunta fala dun 10 % de seguimento
A Xunta cifrou o martes o seguimento da folga nun 10 por cento, mentres que o conselleiro de Educación acusou a CIG de "apostar por romper todas as pontes", e considerou "inaudito" convocar unha folga "en días de avaliación" para "tomar como reféns os alumnos e as familias".
Román Rodríguez resaltou que o acordo que asinou en 2023 con tres sindicatos -CCOO, ANPE e UXT-, ao que a semana pasada adheriuse tamén CSIF, "está a permitir mellorar de forma progresiva un sistema educativo que xa é bo".
Neste sentido, afirmou que os cocientes de 20 alumnos, que "se están aplicando de forma progresiva en infantil", están "por baixo das da Administración socialista do estado".
Así mesmo, asegurou que o seu departamento incrementou a masa salarial do profesorado "con diferentes complementos" e reduciu "o horario dos profesores de primaria".