A formación dixital do profesorado será obrigatoria dentro da nova lei educativa
O conselleiro de Educación afirma que o obxectivo é darlles unha formación que dea seguridade aos docentes, aos alumnos e ás súas familias
A futura lexislación sobre educación dixital que elabora a Xunta prevé facer obrigatoria a formación dixital do profesorado en competencias estratéxicas consideralo como mérito nos procesos de selección de docentes.
Así o anunciou este mércores o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quen sinalou que o proxecto de lei someterao a unha consulta pública nos próximos días.
Rodríguez fixo este anuncio nunha sesión informativa ante un centenar de membros dunha rede de formación de docentes ao sinalar os principais contidos do texto lexislativo que cualificou de "pioneiro e único en España".
Unha formación en "continua actualización" que dea seguridade aos docentes, aos alumnos e ás súas familias
Segundo o conselleiro, a nova lexislación permitirá "consolidar unha educación híbrida" con "normas claras e responsables que dean seguridade aos docentes, aos alumnos e ás súas familias".
Un dos aspectos novos do texto é que a formación do profesorado debe estar en "continua actualización" e adaptarse ás "novas esixencias en materia de habilidades e competencias tecnolóxicas".
A normativa prevé que para determinadas competencias consideradas estratéxicas, no futuro será obrigatorio para o profesorado dispoñer de formación dixital.
As competencias dixitais serán considerados méritos en procesos de selección para o corpo docente da función pública, así como nos procedementos de provisión de postos con determinadas características.
Deste xeito, as autoridades avaliarán especificamente as competencias dixitais dos candidatos e a súa idoneidade para desempeñar as devanditas funcións.
A puntuación dos méritos nestes procesos deberá reflectir a formación e a experiencia en educación dixital e, no seu caso, un nivel mínimo acreditado de competencia para determinados postos.
Outro dos aspectos novos do texto é a formación en docencia dixital para o profesorado universitario das facultades de educación galegas.
O conselleiro afirmou que o obxectivo é "garantir a coherencia entre a formación inicial que se imparte nas facultades e as necesidades reais e a actualización constante da práctica docente nos niveis non universitarios", así como que ambas as partes do proceso estean "aliñadas" en canto a coñecementos e competencias.
Con este obxectivo, a Consellería pretende promover acordos de colaboración con universidades públicas para facilitar o acceso do persoal docente universitario das facultades de educación e de titulacións equivalentes ás actividades de formación continua en competencias dixitais organizadas pola Xunta.