O vindeiro curso escolar comeza o 9 de setembro e remata o 21 de xuño
Non serán lectivos o luns 7 de decembro, día do ensino, e os festivos laborais de ámbito estatal, autonómico e local
A orde co calendario oficial completo, ratificado este sábado, publicarase este luns no Diario Oficial de Galicia
As vacacións do Nadal van do 22 de decembro ao 7 de xaneiro e as da Semana Santa, do 22 ao 29 de marzo
O vindeiro curso escolar comeza en Galicia o 9 de setembro de 2026 e remata o 21 de xuño de 2027 para todas as etapas educativas, con excepción dos segundos cursos dos ciclos de FP, que finalizan o 15 de xuño.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ratificou este sábado as datas finais, que se corresponden coa proposta feita pola Xunta a inicios de maio e presentada ante a Mesa Sectorial Docente.
A orde co calendario oficial completo publicarase este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O inicio da actividade nos Ensinos de Réxime Especial, tendo en conta as súas particularidades, pode flexibilizarse ata o 16 de setembro como data máxima, ao igual que se fixo no presente curso.
En canto ao período de adaptación en 4° de Infantil, os centros teñen a opción dunha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 15 de setembro.
O departamento autonómico tamén apunta que, no caso de 2° de Bacharelato, as clases finalizan de acordo coas datas que se establezan para a Proba de Acceso á Universidade (PAU).
Días non lectivos
Os períodos de vacacións escolares quedan fixados do seguinte xeito: no Nadal, do martes 22 de decembro ao xoves 7 de xaneiro; no Entroido, do 8 ao 10 de febreiro; e na Semana Santa, desde o luns 22 de marzo ata o luns 29, ambos os dous incluídos.
Ademais, non serán lectivos o luns 7 de decembro, día do ensino, e os festivos laborais de ámbito estatal, autonómico e local.
Avaliación de diagnóstico
A orde tamén recolle a data das probas de avaliación de diagnóstico, fixadas polo Goberno do Estado a través da LOMLOE. Terán lugar entre o 19 e o 23 de abril para 2° da ESO, e entre o 26 e o 30 de abril para 4° de Primaria.