A Consellería de Educación urxe "explicacións" polos "erros" nas probas da PAU
O departamento que dirixe Román Rodríguez confía en participar no deseño da proba en 2028
O conselleiro pide "máis agarimo", "non banalizar" e avaliar as "responsabilidades" para que non se repita unha situación similar
Máis de 13.400 estudantes galegos remataron os exames da PAU
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, urxiu "explicacións" e apelou a investigar e avaliar as "responsabilidades" polos "sucesivos erros" rexistrados nas probas de acceso á universidade (PAU), con especial polémica arredor do debate de Debuxo Técnico.
"Non se pode banalizar", esgrimiu o conselleiro, en relación ao deseño dunhas probas no que confía en participar para o exercicio de 2028. A tal fin, a Xunta emprendeu o proceso para actualizar a normativa galega da coñecida como selectividade, na que, como reiterou este xoves, agora a Xunta non ten "nada que ver", senón que depende "do grupo de traballo" en cuestión e das universidades.
"Hai que investigar e ver que pasou. Avaliar as responsabilidades para que isto non volva suceder e se poidan evitar estes problemas. Temos que tomarnos en serio esta proba", esgrimiu, alén de incidir en que o seu departamento fala coa Confederación Interuniversitaria de Galicia (CIUG) "constantemente" e faralle chegar a súa "preocupación obxectiva" polo sucedido.
Román Rodríguez avisou de que o ocorrido nas probas "non é unha cuestión nada banal" porque "a sucesión de erros" detectados supón "un gran prexuízo para miles de familias". Son uns exames, agregou, que xeran "moita ansiedade" tanto nos estudantes como nos seus proxenitores.
"Estamos a ver que é necesario tratar isto con máis mimo, se se quere dicir dun modo moi gráfico. É obvio que hai unha sucesión de erros, que hai que saber de onde xorden, avaliar as responsabilidades e pedir explicacións porque non é nada banal", aseverou.
Unha proba que pola súa concepción "xa prexudica a Galicia"
Fíxoo antes de insistir en que é "importante", ademais, ser "conscientes" de que esta proba "prexudica" Galicia "xa pola súa concepción", conxuntura que vinculou con que "o Ministerio non foi capaz de deseñar un exame conxunto das comunidades e mantén unha anomalía que non se explica dun modo doado", en relación a que haxa "sete camiños diferentes para unha porta única".
Ao respecto, insistiu na necesidade de homoxeneizar e, como argumento, apuntou que comunidades como Galicia que, en informes internacionais como PISA ou outros, "ocupa os primeiros postos de España" en disciplinas como inglés, matemáticas ou comprensión lectora, tras as PAU quedan "nos peores" postos. "Temos que avanzar cara a unha homoxeneización e evitar que haxa erros que impactan no alumnado dun modo tan obvio", remarcou.
Modificación normativa
"Hai que saber que pasou, como se adoptan as decisións, para que no futuro isto non volva pasar", continuou e incidiu no impacto nos estudantes que superaron un bacharelato "intenso". Por iso, insistiu en pedir "explicacións obxectivas", ademais de recalcar que "a Xunta non participa en nada".
Preguntado acerca de se considera que os erros se evitarían se participase, o conselleiro esgrimiu que "non ten nada que ver unha cousa coa outra", pero reafirmouse en que o que expón e para o que impulsará a modificación normativa correspondente é para participar no deseño das probas para 2028. "Algo tan raro como homologarnos a moitas comunidades que xa teñen participación", resolveu.