Pena máxima para os dous menores acusados de asasinar unha rapaza de 15 anos en Alacant
Acoitelárona no pescozo en novembro de 2024, seguindo vídeos de crimes reais de Internet
Malia que é un crime machista, consideran que tanto o ex noivo coma o amigo son culpables por igual
Terán que cumprir oito anos de reclusión e cinco máis en liberdade vixiada
O 24 de novembro do ano pasado o exmozo de Cloe e un amigo puxeron en práctica o macabro plan que levaban argallando desde que a rapaza de 15 anos decidira cortar a relación. Citárona nun rueiro pouco transitado e tentaton matala facéndolle cortes no pescozo, tal como se indicaba en vídeos de crimes reais que consultaran en Internet.
Deixárona malferida na rúa, contando que estaba morta, aínda que realmente falecía horas despois nun hospital.
Dos teléfonos móbiles dos acusados lograron recuperar as mensaxes que se intercambiaron aquela noite e que se acabaron convertendo en probas concluíntes para a súa condena. Tamén estaba o coitelo e algunhas pezas de roupa que queimaron nunha casa abandonada próxima e os restos biolóxicos achados tanto no lugar do crime coma na casa dos dous acusados.
Malia que se cualificou como un caso de violencia machista, a sentenza que recibiron este martes nun Xulgado de Menores de Alacant considera que tanto o mozo coma o amigo son culpables por igual e condénaos á pena máxima para menores, oito anos de internamento por asasinato con aleivosía, e cinco anos máis de liberdade vixiada.
Ata os 21 anos nun centro de menores; logo ó cárcere
O exnoivo daquela tiña 17 anos e o amigo 16. Xa que os dous tiñan menos de dezoito anos cando se cometeu o crime, terán que cumprir a condena ata os 21 anos nun centro de menores e, nese momento, verase se pasan a un centro penitenciario de adultos. Ademais os condenados e os seus pais terán que pagarlle unha indemnización á familia da vítima. O ex noivo ten a maiores pendente un novo xuízo por malos tratos mentres se mantivo a relación.
Os acusados recibiron hoxe o ditame nun xulgado de menores de Alacant