Publicador de contidos

Publicador de contidos

Planas pide á Comisión Europea equilibrio nas cotas de pesca no Atlántico

Planas pide á Comisión Europea equilibrio nas cotas de pesca no Atlántico

O ministro alerta de decisións unilaterais de Estados costeiros e reclama que o esforzo de sustentabilidade sexa compartido

Bruxelas aínda non publicou a súa proposta para 2026, pero os informes científicos apuntan a continuidade nas capturas

G24.gal 27/10/2025 16:53 Última actualización 27/10/2025 17:48

O ministro español de Agricultura e Pesca, Luis Planas, afirmou que a Comisión Europea debe garantir un equilibrio xusto nas cotas de pesca no Atlántico e evitar que decisións unilaterais de países costeiros afecten as posibilidades de captura da flota española.

Planas explicou que, aínda que Bruxelas non publicou a súa proposta para 2026, xa existen informes científicos que "manteñen basicamente os datos ou manifestan unha certa continuidade en relación coas capturas".

"Imos agardar que propón a Comisión Europea. Agardamos que saia ben a negociación con Reino Unido e tamén con Noruega e cos Estados costeiros, pero evidentemente a nosa preocupación é que por parte de algún Estado costeiro se adopten decisións, por exemplo, en materia de cabala, unilaterais, que reduzan notablemente as posibilidades de captura", expuxo o ministro.

Preocupación pola xarda

Planas referiuse á cuestión que Irlanda presentou na reunión de ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea, centrada nas especies peláxicas.

"Nas propostas científicas suxíresenos unha redución de ata un 70 % da xarda. Isto vai ser moi difícil de dixerir, pero se hai que tomar medidas en decembro de redución, hoxe vou expor claramente en nome de España que teremos que, á súa vez, na acta da reunión, sinalar e sinalarlle á Comisión, e agardamos que responda positivamente, que se facemos ese esforzo, outros Estados, que están fóra da Unión, teñen que facelo tamén", explicou.

"Se non se sitúan ao mesmo nivel, a Comisión debe actuar, porque o que non é lóxico é que nós fagamos un esforzo de sustentabilidade e outros non o fagan", engadiu o ministro.

Postura da Comisión Europea

Durante o encontro, o comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, afirmou que escoitou as peticións de varios países para empregar as ferramentas que a UE ten dispoñibles, incluído o recentemente modificado regulamento sobre pesca non sustentable realizada por países terceiros.

Engadiu que seguirá "atentamente" os resultados das discusións en marcha sobre os Estados costeiros e que os avaliará "ao tempo que garante o pleno respecto do dereito internacional".

"Déixenme ser claro: a UE segue comprometida co diálogo construtivo e coa diplomacia, pero tamén necesitamos protexer os nosos intereses con firmeza e, nesta dirección, usaremos todas as ferramentas que temos á nosa disposición", afirmou Kadis.

O comisario engadiu que países que se beneficiaron de incrementos unilaterais de capturas solicitan agora que a UE reduza a súa cota. "Non podemos aceptar iso", subliñou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade