A Xunta di que o acordo da transferencia da AP-9 "nada ten que ver" co asinado en Galicia
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegura que o pacto alcanzado por PSOE, BNG e Sumar non inclúe condicións relacionadas coa carga económica que supón asumir esa transferencia
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, pediu explicacións a PSOE, BNG e Sumar sobre o acordo alcanzado entre estas formacións para transferir a AP-9 a Galicia, xa que o asinado no Congreso "nada ten que ver co que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego".
Martínez Allegue sinalou en Rois que agarda que "impere o sentido común" na reunión que se celebra este martes en Madrid, xa que aínda non se vota nada.
PSOE, BNG e Sumar anunciaron onte un principio de acordo ao pactar un texto para que se transfiran a Galicia a xestión e titularidade da AP-9, en consonancia cunha petición unánime e insistente do Parlamento galego, sosteñen.
A conselleira, con todo, mostrou a súa sorpresa por que o acordo anunciado, do que se decataron "polos medios e que están a analizar", dixo, "difira" do aprobado por unanimidade en Galicia.
"Levamos moitos anos demandando a transferencia (da AP-9), pero acompañada de determinadas condicións para que non lastre a posición económica da nosa comunidade", sinalou, segundo un audio remitido.
Martínez Allegue afirmou que o texto pactado entre esas forzas políticas no Congreso "suprime condicións tan importantes como a asunción do incremento das bonificacións que fora comprometida polo Goberno", polo que PSOE, BNG e Sumar deberían explicar "por que agora as debe asumir a comunidade autónoma ou por que o incremento do 1% (nas peaxes) antes o asumía o Goberno e agora sería Galicia".
"Contamos con que hoxe no relatorio se valoren esas opcións e que PSdeG e BNG sexan conscientes de que se debe aprobar o que se aprobou aquí por unanimidade", insistiu, xa que a Xunta "non permitirá que se desvirtue" o acordo asinado en Galicia.
"Queremos a transferencia pero non a calquera prezo", concluíu.