Congresistas dos EUA piden investigar a España por competencia desleal na pesca
Reclaman que o Goberno de Trump revise as supostas prácticas irregulares dunha serie de países
En Galicia o sector recibe a mensaxe con calma porque asegura que cumpre cos maiores estándares do mundo
Nova ameaza dende os Estados Unidos ao sector da pesca en España. Un grupo de congresistas pídelle ao Goberno de Donald Trump que investigue supostas "prácticas desleais" de varios países, entre eles España. A solicitude vai nunha carta que asinan representantes de varios territorios, tanto republicanos como demócratas, que consideran que a industria estadounidense se está vendo danada pola competencia inxusta doutros lugares do mundo. Citan un amplo abano de posibles irregularidades: etiquetado falso, abusos laborais, subsidios, danos ambientais ou uso de antibióticos prohibidos na acuicultura.
En Galicia, o sector recibe a mensaxe con tranquilidade. Din que a pesca e a acuicultura galegas cumpren, precisamente, coas maiores esixencias a nivel mundial. Non hai, din, nada do que preocuparse.
"Porque a frota española ten uns estándares, en todo o que se podería investigar, moi elevados", explica o director xerente da Cooperativa de Armadores de Vigo, Edelmiro Ulloa.
"Cuestións nas que claramente, se alguén sabe como operamos no noso continente e especialmente en España, contamos cos maiores estándares do planeta", confirma o secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Carlos Alonso.
O certo é que os congresistas piden unha investigación a nivel xeral. Citan varios países, os maiores produtores de pesca do mundo, pero din que a posible actuación non se debe limitar só a eses estados. España, en realidade, xa ten cuestionado que algún deles pode ser un foco de competencia desleal. E o sector apunta que sería bo que a Unión Europea e os Estados Unidos cooperasen, precisamente, para frear esas prácticas que prexudican as dúas economías.
"Ao mellor con respecto a algúns dos problemas e dos países que citan na carta, por exemplo, citan Tailandia, podemos empezar a cooperar en lugar de sinalarnos", propón o secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Carlos Alonso.
"Moitos dos puntos da carta o sector pesqueiro español subscribiríaos porque está en circunstancias moi semellantes", corrobora dende a Cooperativa de Armadores de Vigo o seu director xerente, Edelmiro Ulloa.
É cedo para saber se a petición terá percorrido e chegará a algún porto. De momento foi recibida polo Congreso dos Estados Unidos pero non se tomou ningunha medida. Non se pode saber aínda se poderá ter efectos comerciais ou se se perderá no océano da controversia política.