Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pídenlles a uns pais de Lugo 28 anos de cadea por maltratar e lesionar o bebé

Pídenlles a uns pais de Lugo 28 anos de cadea por maltratar e lesionar o bebé

Os proxenitores están acusados de deixar o meniño cego dun ollo e con danos cerebrais 

Segundo o escrito de acusación, os pais agrediron o seu fillo en reiteradas ocasións, golpeándoo e zarandeándoo cando choraba

Félix Aragunde 18/10/2022 13:53

Unha parella de Lugo está acusada de deixar o seu bebé cego dun ollo e con danos cerebrais. Segundo o escrito da acusación, os pais agrediron o seu fillo en reiteradas ocasións, golpeándoo e zarandeándoo cando choraba.

Sóubose das lesións que sufría en agosto de 2019, cando o neno tiña dous meses de idade. Ao ver que estaba ríxido, os proxenitores levárono ao centro de saúde, de onde foi trasladado ao HULA para ser ingresado na UCI pediátrica.

Tamén tivo que ser ingresado nun hospital de Madrid para unha intervención oftalmolóxica de urxencia. Daquela tamén se evidenciara que os pais non cumprían coas citas de pediatría nin coidaban a hixiene do pequeno.

Cando os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de instrución número 1 de Lugo, os presuntos agresores foron detidos e a xuíza ordenou a limpeza da súa vivenda. Con moreas de lixo, o piso, situado na rúa Irmáns Carro, presentaba un risco extremo de insalubridade.

Como medida cautelar, impuxéraselles aos proxenitores unha orde de afastamento do menor, que pasou a ser atendido polos servizos sociais.

Polos delitos de lesións e de maltrato continuado coa agravante de parentesco, a fiscalía da Audiencia Provincial de Lugo pide 14 anos de cadea para cada un dos pais e a prohibición de achegarse ao seu fillo durante 12 anos.

Pola súa parte, os acusados negan os feitos que lles imputan, polo que as defensas solicitan a libre absolución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade